Apagar lumes en inverno

Por unha nova política para o rural galego é o título dunha atinada iniciativa, a xeito de manifesto e compromiso científico, feita pública por unha manchea de profesores, investigadores e académicos docentes no campus lugués da USC, compartido polo mundo universitario galego, para forzar á reflexión, e á reacción imprescindíbel, sobre a vaga de incendios que soporta o noso país, nunha tendencia imparábel que aínda irá a máis co paso do tempo. Os asinantes fan “unha chamada de atención á sociedade no seu conxunto e aos nosos responsábeis políticos sobre a necesidade dun debate público sereno e profundo acerca das causas dos lumes forestais”, sen  limitar a  responsabilidade da Xunta no impulso de medidas e do Parlamento, na do seu control.
O documento dos expertos universitarios suma experiencias desde áreas de coñecemento diferentes, casos da bioloxía, agronomía, economía, historia, enxeñería de montes, xeografía e outras, asegurando que, como parte integrante da sociedade que son, comparten “a preocupación polo sucedido na segunda semana de outubro, cando unha vez máis, as lapas asolaron unha parte significativa do noso país”. Tras preguntarse porque soportamos vagas de lumes de xeito recorrente, pasan a definir os obxectivos dun futuro traballo que avalíe causas e propoña medidas de raíz para evitar ou paliar os lumes. O primeiro é “abordar a ordenación territorial, en sintonía coas directrices existentes en materia de planificación de espazos rurais e urbanos, conservación da biodiversidade e mitigación do cambio climático, necesidades ambientais e socioeconómicas”. Falan, tamén, de integrar a diversificación de usos e o aproveitamento racional dos recursos para frear a perda de terras de uso agrario de elevada aptitude e a destrución de espazos de grande valor ambiental. Para iso, precísase dunha ordenación do sector forestal con criterios de sustentabilidade, diversificación de especies e produtos, respecto ás infraestruturas verdes e á rede de espazos protexidos. Piden aplicar de xeito efectivo a lei en materia de distancias, aproveitamento ou conservación.  Non esquecen aludir á necesidade de transformar o actual dispositivo de extinción de incendio, para alén do xusto recoñecemento ao labor dos seus profesionais que teñen afrontado o seu traballo con elevado risco. Finalmente, poñen énfase nas labores de prevención; e dicir, apagar lumes en inverno, meses antes de que realmente prendan.  Velaquí, porta aberta á procura do rigor e do consenso sobre axeitada política forestal, agraria e de prevención. É o camiño a percorrer.    
 

Apagar lumes en inverno

Te puede interesar