Os amos do mundo

Existe un goberno mundial, agochado na sombra? Formalmente, non. Porén, algo hai que semella tal. Véxanse, se non, esas conclaves da elite financeira que se coñecen polo Club Bilderberg “unha camarilla formada por algúns dos homes máis ricos, poderosos e influentes de Occidente que se reúnen secretamente para planear eventos que despois, simplemente, suceden”, en opinión de “The Times”.  
Así é, desde fai sesenta e un anos. Arrancou, financiado cos recursos da familia de banqueiros Rockefeller en xuntanza celebrada nun luxoso hotel holandés do que tomaría o nome polo que é coñecido; co propósito de “facer un nó ao redor dunha liña política común entre EEUU e Europa en oposición a Rusia e ao comunismo”. Nese empeño, ano tras ano, continuaron a reunirse baixo unha lousa de silencio á que lle prestaron debido servizo os grandes medios de prensa, nun calculado segredo e protección que fixo incrementar esa imaxe de grupo conspirador á procura de artellar unha nova orde mundial oligárquica. Certamente, os encontros do Club, limitados a cento trinta persoas, anúncianse como se de unha conferencia de reflexión e debate se tratase.
Os tempos cambiantes forzaron a introducir novos elementos de información que, aínda sendo parcos en recursos, teñen sitio na rede. Así sabemos que no seu comité directivo figura o presidente executivo de Prisa; e, tamén, que na relación dos convidados a participar na cita prevista para os próximos días nos Alpes austríacos, estará un tal Pedro Sánchez Pérez-Castejón; na compaña de Ana P. Botín. Novos actores, político e financeira, aos que captar para o interese dos socios do club. Misterio sempre será o que se vai tratar. A lóxica dos participantes, moi cargada de representantes dos conglomerados militares e das axencias de intelixencia, apunta á cuestión do Oriente Medio, marcado por unha singular guerra tribal de imprevisibles consecuencias para o negocio enerxético, outra das cousas que serán obxecto de consideración.
Sen embargo, o tema central vai ser o que atinxe ao peso do dólar e do euro na economía planetaria arredor da presión por acelerar a sinatura do TTIP, coa tensión grega de compañeiro incómodo. Moito é o que está en xogo no negocio global. Foro Davos, Comisión Trilateral, Council on Foreign Relations, Institución Brookings, Corporación RAND, Club Bilderberg: A dirección estratéxica dos amos do mundo.

Os amos do mundo

Te puede interesar