Afouteza no teimudo sapoconcho

As ondiñas que veñen e van, impulsadas polos seareiros do Celta de Vigo na súa navegación pola rede de internet converteron á expresión “afouteza” na palabra do ano dentro da elección promovida polo Portal das Palabras, o proxecto web para a modernización e divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Nesa competición, a xeito dunha liga deportiva, ficaron detrás outros sete termos que representan un xeito de forza informativa, sobre a que se centrou boa parte dos asuntos que encheron titulares e texto nos medios de comunicación. Á par do seu valor engadido no referente ao punto de vista lingüístico, representan atributos por si.
Así,afouteza é a disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos; expresa tamén, seguridade que demostra unha persoa en si mesma. Iso que dicía moi ben o lema europeo do club vigués de fútbol: Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza. Mesmo que non pasase do desafío á realidade do éxito deportivo. Tanto ten, serviu para darlle pulo a unha expresión de orgullo e confianza na capacidade propia; unha metáfora extensíbel á calidade cívica da xente. En todo caso, unha virtude indiscutíbel que se reforza coa calidade de “teimudo”; isto é, a característica da persoa que porfía nas súas ideas ou actitude. Mesmo sabendo que se equivoca.
Porén, a casualidade dunha fortuíta intervención televisiva fixo que collese forza outra palabra atípica, clasificada en terceiro lugar neste singular concurso aberto ás e aos usuarios das redes sociais: Sapoconcho. Verba, esta última, propia do mundo da bioloxía que nos fala dese “réptil, da orde dos quelonios, mariño e terrestre, que presenta as extremidades curtas, un caparazón que protexe o corpo e un bico cómeo sen dentes”. Pode amosar a variante común, riscada ou verde. Para o común das persoas é, simplemente, unha tartaruga pequena ou tartaruga de auga.
Certamente, é un animal prodixioso na súa capacidade biolóxica. Aínda que afastado do hábitat natural e da fauna propia; ben pode simbolizar os atributos de afouteza polo seu valor e capacidade de ocupar espazos e reproducir a especie; e, a súa vez, pola teimosía que caracteriza unha vida das máis longas coñecidas de entre todos os animais. Poda que fose esa apreciación, sen descartar o aspecto de sonoridade da palabra en si, o que levase a súa escolla. Velaí unha alegoría da afouteza, no teimudo sapoconcho.

Afouteza no teimudo sapoconcho

Te puede interesar