A proba do algodón

O algodón non engana. Afirmación concluínte dun lembrado anuncio publicitario na que se facía un simulacro de control da limpeza no azulexo dun baño, empregando para esa fílmica demostración unha peza de algodón hidrófilo desengraxado, branqueado e cardado. O efecto visual non deixaba dúbida algunha, detrás da aparente limpeza agochábase unha outra realidade: Non é ouro todo o que reluce. Metáfora aplicable á evidencia política da situación que soporta unha moi grande parte da poboación española que acada niveis de marca máxima á hora de comparar o índice de pobreza no ámbito europeo.

Velaí o rigoroso informe sobre “O estado da pobreza. Seguimento do indicador de risco de pobreza e exclusión social en España 2008-2016”, sétimo informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social facendo uso dun indicador que coñecemos por Arope, neste caso centrado nos datos do Estado e das súas comunidades territoriais; un documento que achega unha avaliación minuciosa do grado de cumprimento do obxectivo especificado na Estratexia Europa 2020, para o conxunto español, así como as consecuencias da crise e das políticas coas que se enfronta esta no que atinxe á pobreza e/ou á exclusión social.

A súa presentación pública, con entrega ao Congreso dos Deputados, fíxose no marco da conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o 17 de outubro, ocasión que permitiu difundir tamén a publicación “O estado da pobreza en Galicia”, con datos de fontes oficiais, no que amosa unha moi grave situación de inxustiza social: Algo máis da cuarta parte da poboación galega, setecentas mil persoas, viven en risco de pobreza ou de exclusión social.

Dato arrepiante que deber mover á reacción dos poderes públicos; máis grave aínda se vemos que a parte da xente que sofre carencia material severa non mellora ren. Alarmante ao coñecer que a taxa máis alta está a producirse na mocidade entre dezaseis e vinte e nove anos. Desesperante ao comprobar que o sesenta e dous por cento das pensións distribuídas teñen un importe inferior ao limiar da pobreza. Inconcibíbel ao verificar que máis do catorce por cento dos traballadores perciben unha retribución menor dos niveis de pobreza. E aínda é peor a situación estatal na que trece millóns de cidadáns están nesta situación. O discurso do crecemento económico e de mellora no emprego é propaganda falaz. O algodón non engana. 

A proba do algodón

Te puede interesar