A linguaxe do planeta

Entendemos que unha linguaxe vén sendo un sistema de comunicación estruturado para o que existe un contexto, natural ou artificial, de uso e certos principios combinatorios formais. É dicir, unha maneira de expresar pensamentos e sentimentos por medio da palabra ou de xestos. Por iso é unha característica común aos humanos e a outros animais non simbólicos para manifestar as súas experiencias e comunicalas o outros mediante símbolos, sinais e sons rexistrados polos órganos dos sentidos. Falamos, pois, de linguaxe verbal e non verbal nos seres humanos que resulta complexa, tanto no seu aspecto sonoro como na significación gráfica. Variada na dos restantes seres vivos que fan uso do corpo, do cheiro e dos sinais resoantes para entenderse. Súmase máis unha linguaxe formal en base a construcións artificiais que se empregan nas matemáticas, na computación e niso que agora chamamos intelixencia artificial ou non humana.
Porén, aínda que non considerada como tal no rigor das catalogacións académicas, ben poderiamos aceptar que tamén existe unha linguaxe da natureza coa que se declara o planeta Terra no que habitamos. A lingua é parte fundamental dunha estrutura na que debe existir alguén que recibe unha mensaxe que outro transmite. Falar só e un síntoma de tolemia. Partindo desa premisa esencial, o planeta fala con meridiana claridade e forte contundencia para alertar sobre o desequilibro que a especie humana está causando ao equilibrio natural do sistema ecolóxico que nos foi dado coa evolución secular do hábitat animal. O repto é saber se existe alguén disposto a traducir a gravidade do relato nunha acción política que palíe o mal causado, imposíbel xa de reverter e limitado só á diminución do ritmo na traxectoria futura do desastre. Mirar ao firmamento do mesmo xeito que facían os sabios de tempos antigos para tomar decisións atinadas.
Velaí vén o furacán Ophelia, con probable dirección á costa galega, nunha traxectoria atípica e contraria ao normal percorrido deste fenómeno das augas oceánicas. Os incendios sucédense con violencia destrutiva, aquí e acolá do Atlántico da que chegan imaxes dantescas de destrución de espazos habitados nesa outra “Galifornia” á que de certo si que nos paremos nisto. As reservas de auga doce en mínimo histórico neste “veroño” que acada temperatura máximas sen par, alongando o tempo seco e soleado de xeito alarmante. A listaxe de advertencias que emite o planeta é relatorio moi longo. Reaccionamos?

A linguaxe do planeta

Te puede interesar