A intriga dos algarismos

Intriga é un substantivo que nos fala da manobra feita en segredo e con astucia para conseguir algún propósito. Sabemos que un algarismo é un conxunto prescrito de instrucións ben definidas, ordenadas e finitas que permite realizar unha actividade mediante pasos sucesivos que non produzan dúbidas a quen deba realizar dita actividade. E dicir, o camiño á caza do tesouro agochado nos datos persoais dos usos, costumes e preferencias. O seu emprego actual nas ciencias da computación e afíns, falto de regulación e control, carente de base ética e límite nos obxectivos, é un enigma tenebroso que dominan un fato de persoas ben cotizadas fieis ao servizo do interese das grandes operadoras da rede de internet e do mundo dos negocios empresariais.
Por iso, fai moi ben a Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e da Axenda Dixital en crear un comité de sabios para abordar a situación, facer un diagnostico e plasmar a súa avaliación nun informe que sinale o que se está a facer arredor diso que chamamos o “big data”; e tamén coa ferramenta coa que se traballan os datos primarios: Os algarismos. Da pescuda de nove académicos ou expertos corporativos nesta materia que ten moito de exotérica, confiemos na súa independencia e neutralidade absoluta, debe tirarse unha serie de medidas, de actuación e xestión coas que gobernos, autoridades políticas e parlamentarias ou o mundo da empresa relacionada asuman un código ético de boas prácticas, promovendo unha actuación transparente que contribúa a dotar de incuestionábeis garantías na utilización e respecto ao dereito persoal na protección do coñecemento, aínda menos uso non autorizado, dos aspectos da vida privada. Editar un Libro Branco coas pautas para facer do marco legal un instrumento axeitado á causa.
Os datos teñen moitas vidas, certo é. Nunha delas está a bondade diso que chamamos intelixencia artificial, a non humana, producindo avances tecnolóxicos e mudanzas á procura de facernos unha existencia máis cómoda, proveitosa ou eficiente. Na beira escura atópase a mala utilización dos datos que achegamos, sen a conciencia real nin a debida precaución, ás canles que nos ofertan medios e redes gratuítas no troco de facer de nós o propio produto lucrativo, o dos datos de tráfico para ser convertidos en publicidade á carta ou vai ti a saber da probábel venta a terceiros interesados. É tempo de facer públicos os algarismos utilizados.  

A intriga dos algarismos

Te puede interesar