• Martes, 24 de Octubre de 2017

A fronteira ética

O debate social aberto con iniciativas políticas en contra ou a favor diso que debe chamarse “ventre de alugueiro”, no ámbito parlamentario galego ou español, case sempre agochado co eufemismo “xestación subrogada” entre os seu partidarios.

O debate social aberto con iniciativas políticas en contra ou a favor diso que debe chamarse “ventre de alugueiro”, no ámbito parlamentario galego ou español, case sempre agochado co eufemismo “xestación subrogada” entre os seu partidarios, é boa ocasión para abordar os límites éticos que marcar aos avances científicos e tecnolóxicos. É a fronteira necesaria para a  súa materialización efectiva sen traspasar barreiras, orientando a imparábel capacidade de reproducir e modificar a dinámica dos procesos naturais que son quen de converterse en inimigo do ser humano e da súa dignidade, se son usadas con mero fin mercantilista para dar satisfacción a determinadas demandas da clase poderosa ou crear outras novas sen ningún reparo moral.
Velaí o elemento central da discusión a respecto da proposición non de lei, botada abaixo pola negativa do grupo máis numeroso do Parlamento de Galicia, pola que se instaba á Xunta a “oporse á legalización, regulamentación e banalización” dos ventres de alugueiro; iniciativa coa que se denunciaba que esta práctica supón unha forma de “explotación mercantil do corpo das mulleres, especialmente daquelas máis empobrecidas e vulnerábeis”; para o que se precisa acordar modificacións legais que disuadan e impidan este negocio. Esa é a crúa realidade sobre a que se están lucrando clínicas de reprodución asistida e gabinetes xurídicos, convertidos en activas máquinas de presión interesadas en crear un estado de opinión favorábel á aprobación da Iniciativa Lexislativa, ILP, que pretende dotar de legalidade a esta práctica. Unha intensa campaña en medios, coa énfase na cualificación de amigábeis expresións ao xeito de “xestación por substitución”, “maternidade subrogada” e coa insistencia na opción da posibilidade de facerse por xesto altruísta, cuestión totalmente aceptábel, que na realidade é unha casuística ben minoritaria. 
A dignidade da persoa humana conta, neste asunto, coa recomendación do Parlamento Europeo, do Comité Español de Bioética e de insubornábeis argumentos nas últimas sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, coincidentes na prohibición de todas aquelas prácticas que supoñan a explotación das mulleres sometidas a este proceso. Iso non impide outras fórmulas para dotar de descendencia ás parellas impedidas de facelo polo seu proceso biolóxico propio. 
Non é so neste asunto, non. A clonación humana, a experimentación con células embrionarias, os cultivos modificados pola xenética e outros descubrimentos son cousa para botarse a tremer se deixamos barra libre á súa utilización sen control. É preciso definir o límite da súa fronteira ética.