• Lunes, 11 de Diciembre de 2017

A fortuna viquinga

acelebración nos próximos días, en Catoira, da tradicional

acelebración nos próximos días, en Catoira, da tradicional romaxe que lembra o asalto das hostes guerreiras viquingas á fortaleza galega do Castellum Honesti, agora reducido na identificación, e tamén na dimensión do monumento conservado, a Torres do Oeste; é boa ocasión para ollarnos no espello do que dou de si, co paso dos séculos, aquela cultura de ferocidade cruel que atribuímos ás tribos do mundo nórdico europeo. Aínda que clasificamos como viquingos a todos por igual, sábese que na realidade eles non se definían por tal palabra; na práctica son diferentes pobos asentados nos espazos habitábeis daquelas terras, certamente pouco amábeis para ser ocupadas en todo o seu terreo. Por iso, existen lóxicas diferenzas e matiz propio entre a xente escandinava que se mantén hoxe, mesmo compartindo estándar de riqueza.
Velaí o paradoxo histórico: Aqueles guerreiros sanguinarios son expresión actual da cidadanía máis pacífica e feliz do planeta Terra. Sendo o asunto discutíbel, aceptemos iso como dogma de fe, en base á imaxe que se deduce de certos índices académicos que cuantifican o benestar e a felicidade. Mérito é poñer número, sumar e calcular o resultado do benestar; porén técnicos ten a ciencia, do mesmo xeito que doutores a Santa Nai Igrexa, á hora de tirar resultados en cousas absolutamente etéreas e de moi diferente calado persoal. Asumindo que o polbo é animal de compañía, moito máis doado é dar validez ao que semella o mundo feliz dos países nórdicos.
Iso vén identificándose coa expresión “hygge”, un concepto que reflexa a maxia da boa xestión pública coa que se garante emprego digno, conciliación da vida persoal e laboral, igualdade na retribución ou nas oportunidades, e todo un ámbito de benestar social que asegura protección fronte á adversidade; o ambiente que fai do aproveitamento da relación familiar e social, a diario, a quintaesencia da verdadeira fortuna herdada daqueles viquingos lanzados á conquista do mundo.
O noso espello, na comparación co deles, ofrece unha imaxe total e absolutamente desenfocada, a moitos anos luz da estrela do norte. Un retrato que pode concretarse na radiografía amosada pola recente Enquisa de Poboación Activa que evidencia a crueza dun mercado laboral anegado pola precariedade, caracterizado pola elevada rotación de traballos sucesivos, os baixos salarios, a falta de estabilidade, a perda acusada de dereitos conquistados e un aumento alarmante da pobreza. Mágoa é non ter sido adoptados polos viquingos.