• Miércoles, 22 de Noviembre de 2017

Verdades sobre o terrorismo islamita

para enxergarmos a realidade do terrorismo yihadista cómpre

para enxergarmos a realidade do terrorismo yihadista cómpre enfrontar as solucións dende a perspectiva europea, desenvolvendo a escalas continental e local as actuacións de represión e prevención a curto prazo que sexan compatíbeis co Estado de Dereito e co contido esencial das liberdades. Urxe transformarmos a Europol nun FBI europeo que coordine as respostas de intelixencia ao terrorismo. Mais non haberá solución e europea sen modificacións substanciais nas políticas de inclusión dos residentes musulmáns na Europa e sen unha remuda das políticas exteriores.
A case totalidade dos terroristas actuantes na Europa non son refuxiados da guerra de Siria, senón nacionais europeos ou, cando menos, residentes estábeis. Na súa conversión en terroristas adoita ser decisivo o discurso dalgunhas mesquitas adoito financiadas polo diñeiro saudí. De feito, wahabismo e dinastía saudí son inseparábeis dende o século XVIII e a aplicación da sharia e o concepto de yihad son semellantes en cadansúas cosmovisións do réxime saudí e do Estado Islámico. Arabía Saudí é socio privilexiado do Estado español no que atinxe á merca de armas, construción de infraestruturas e venda de petróleo. Os intereses comerciais de grandes empresas españolas son alí importantes e mesmo o anterior Xefe de Estado foi quen garantiu a subministración de petróleo saudí nos anos 1977 e 1978. Por qué non se curta o financiamento saudí a moitas mesquitas españolas?
Por outra banda, o apoxeo do Estado islámico veu da mán da intervención militar USA, secundada polo Reino Unido, ao destruir a ditadura de Saddam Hussein e financiar a oposición islamista á ditadura de Bashar al Assad. Os intereses petrolíferos preferiron Estados fallidos que remataron co apoxeo dun Estado Islámico que vendía barato o petróleo de Mossul a través de Turquía. Unha Turquía que tampouco quere destruir de todo aos yihadistas, porque non quere un Kurdhistan forte.
Non pode haber loita eficaz contra o yihadismo sen actuar sobre estes parámetros. Compre analizalos polo miúdo e non mercarlle aos de sempre explicacións islamófobas de todo a cen.