Trump e o medo ao cambio

Clinton acadou máis votos ca Trump (47,7% vs 47,5%) e éste non gañou en cidade ningunha de máis dun millón de votos. Mais o trunfo urbano da Clinton en todos os estados prósperos non lle deu a maioría do colexio electoral, elixido en 48 dos 50 estados ao abeiro de sistemas maioritarios nos que o que gaña por un voto leva os delegados todos do estado. Un auténtico sistema de contrapeso dos estados pequenos fronte aos grandes, porque nos sistemas federais e plurais non só votan as persoas, senón tamén os territorios.
É certo que foron os brancos, sobre todo os homes brancos, os que lle deron o trunfo a Trump. Mais non só os pobres, senón moitos brancos de ingresos medios e mesmo bastante elevados. Trump acadou o 58% dos votos da maioría branca, sobre todo os homes e os maiores. Mais, tamén, o 58% do voto das confesións evanxélicas e o 52% dos católicos.
Pola súa banda, a pouco empática Clinton representaba a Norteamérica urbana da prosperidade, aos millonarios de Wall St. e ao complexo empresarial militar. Velaí a pouca participación da comunidade afroamericana, a desconfianza de moitos latinos e máis a desafección da xente moza e dos socialdemócratas que votaran Sanders. Trump gañou por cohesionar mellor a súa coalición, cosida polo medo ao futuro e polo odio a unha globalización, que identifican cos produtos chineses e os inmigrantes mesoamericanos. Mais, tamén, por unha pulsión que non é maioritaria en Los Angeles ou New York, pero si segue a ser importante en Missisippi ou as Dakotas: make America great again, voltemos ao de antes. Os inmigrantes nos seus países, os negros e as mulleres no seu sitio. Unha pulsión ultraconservadora, machista e racista.
O Partido Demócrata pode rachar esa coalición, separando eses ultraconservadores da América profunda dos traballadores industriais brancos que se sentiron excluídos da prosperidade nos últimos anos. Mais non lles chegará só con políticas inclusivas de discriminación positiva para as minorías raciais ou as comunidades LGTB, senón que terán de lle garantir unha digna subsistencia á América branca, rural e menos instruída. Garantirlle á sociedade toda non só igualdade de oportunidades, senón máis xustiza social. Tamén para as maiorías.

Trump e o medo ao cambio

Te puede interesar