A SINGULARIDADE DA MAREA ATLÁNTICA

AMarea Atlántica gañou as eleccións locais n’A Coruña, obtendo 10 concelleiros, fronte ao alcalde Negreira (PP) que retivo outros 10 cuns poucos menos votos. Os socialistas obtiveron 6 e o BNG 1. Ninguén máis obtivo representación.
Cál é a clave para lermos este resultado? De onde sairon estes milleiros de votos que empoleiraron  Xulio Ferreiro a unha segura alcaldía? Sen dúbida en xerar un amplo espazo de confluencia. Porque fronte moitos proxectos que se dicían –e non o eran–semellantes, a Marea Atlántica naceu dun pulo cívico, cun núcleo de arrincada importante de independentes vencellados a unha cosmovisión progresista, galega e coruñesa. Mentres que os seis partidos que apoiaron o encontro, dende Compromiso por Galicia até Podemos ou Equo, pasando polos partidos do espazo AGE, souberon cederlle o protagonismo aos candidatos e á fórmula de unidade. Unidade que o electorado soubo recoñecer e apoiar. Na Marea converxeron nacionalistas e non nacionalistas e toda caste de sensibilidades progresistas. O electorado que quería unha fonda remuda do goberno local soubo velo e votalo. Acadar a unidade dende a pluralidade ten agasallo.
Mais Coruña é de vello un espazo bó para esta caste de proxectos, que recoñecen Coruña e Galicia como proxectos cívicos de todos. Que prefiren a eficiencia da mestizaxe aos purismos estériles. Exemplos témolos a esgalla, na longa historia coruñesa. Nos anos 20 do século pasado os galeguistas defenderon fronte a Risco na Irmandade Nazonalista o pacto cos progresistas e republicanos e Peña Novo foi concelleiro.
Castelao e Bóveda atoparon na Marineda un apoio sobranceiro ao seu proxecto de gañaren o autogoberno dende a asociación coa Izquierda Republicana e despois coa Fronte Popular. A CNT da II República era n’A Coruña un espazo pacífico de encontro, lonxe do radicalismo da FAI. E, no 1979, as eleccións deixaron unha escea ben semellante á de agora. Pactouse un goberno plural e Merino foi o primeiro alcalde galeguista e progresista da cidade dende a II República.
Ese espirito plural e amplo, tan propio da galeguidade coruñesa, foi a clave do éxito da Marea Atlántica. O resto, aínda, está por escrebir e depende do bó criterio e sentido común dos gañadores das eleccións coruñesas.

A SINGULARIDADE DA MAREA ATLÁNTICA

Te puede interesar