No país dos cegos

Con máis do 90 por cento dos votos escrutados, Pedro Sánchez obtén unha grande maioría (49,8 por cento fronte ao 40,2 de Susana Díaz e o 10% de Patxi López) que despexa case todas as dúbidas a respecto da clara hexemonía que adquire no partido.
Porque, agás en Andalucía e Aragón (aquí por moi pouco) gañou en todos os territorios, mesmo en Asturies, País Valenciâ, Castela a Mancha e Extremadura contra cadanseus presidentes autonómicos. Dominará, pois, a organización federal e case todas as autonómicas, que celebrarán cadanseu Congreso nos vindeiros setembro e outubro.
No noso País a vitoria de Sánchez Castejón constitúe unha auténtica malleira (66 por cento fronte ao 23 por cento de Díaz e o 7 por cento de López), sobre todo diante do apoio pechado outorgado á Díaz polos grandes baróns do PSdeG (Abel Caballero, Carmela Silva, Pepe Blanco, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Fran Caamaño, mesmo dende fóra apoiouna Paco Vázquez).
Galicia, xunto con Catalunya (82 por cento de votos pro Sánchez) foi dos territorios onde menos cuallou o relato da nación grande e única da líder andaluza, certamente desvencellado do xorne e angueiras das nacionalidades e da España urbana.
O resultado, como o das primarias que gañou Xaquín Fernández Leiceaga, prognostica un Congreso galego que rachará co vello PSOE e ratificará a alternativa plural fronte a Feijóo.
Pilar Cancela, Valentín Formoso, Gonzalo Caballero, Lara Méndez e quizais Leiceaga serán algúns dos novos dirixentes, malia que o modelo de partido mudará cara un meirande empoderamento das bases.
Sánchez Castejón non é ningún crack, mais soubo percebir a fonda desafección dos seareiros socialistas coa involución de Zapatero (2010), co Goberno de Rajoy (2011-2015) e, sobre todo, coa abstención socialista ordenada pola Xestora que lle deu a presidencia a Mariano Rajoy.
E gañou fronte ao cerco mediático de Madrid e fronte Felipe González, Alfonso Guerra, José Luis Rodíguez Zapatero, Alfredo Pérez Rubalcaba e case todos os protagonistas dun PSOE que lle foi mercando o relato social, económico e territorial ao Partido Popular ao longo destes anos, mentres os seus electores vían como empeoraban as súas condicións de vida e, nomeadamente, como os seus fillos e netos non podían integrarse nunha sociedade cada vez máis desigual.
Porque, se algo amosou esta xeira, foi que a xente xa non admite calquera intermediación, senón que quere responsabilizarse das súas decisións e rachar, seguramente que dende a tranquilidade, co que hai. Para ir noutra dirección.

No país dos cegos

Te puede interesar