A necesidade do referéndum catalán

Aprimeiros deste 2017 o xornal “La Vanguardia”, de liña editorial non independentista, publicaba unha enquisa que reflectía que o 76,6% dos cataláns querían decidir en referéndum a respecto da súa independencia ou continuidade no Estado, mentres as opcións a prol sobardaban en moi pouco ás negativas. Estes dados serían impensábeis hai once anos, cando se aprobaba pola cidadanía catalá o novo Estatuto.
O fito máis importante na modificación das actitudes a respecto da independencia foi a sentenza do Tribunal Constitucional de xuño de 2010, que, estimando o recurso do PP, declarou na práctica a inconstitucionalidade de case todos os avances en autogoberno contidos nese “nou Estatut”, malia que xa fora aprobado en referéndum e levaba plenamente vixente máis de catro anos.
A labazada moveu centos de milleiros autonomistas e federalistas cara á opción independentista, ao considerar imposíbel un autogoberno digno de tal nome no seo do Estado español.
Hai un problema moi grave e os partidos unionistas non o asumen. Mais o problema só non se resolve, lonxe diso encónase, porque xera desafección cidadá en Catalunya, máis tamèn unha enxurrada de anticatalanismo en Madrid e outros territorios españois.
Velaí que a única solución sería un pacto para poder levar adiante un referéndum. Pacto alicerzado no compromiso de que se respecte o decidido polos cataláns e que, no caso de sair o voto negativo non se repita esta consulta nun termo aproximado de dez ou quince anos, na liña da Lei de Clareza canadiana. A fórmula xurídica podería pasar por un referéndum consultivo, consonte co artigo 92 da Constitución, delegando o Estado ao abeiro do artigo 150.2 da Constitución na Generalitat a competencia para convocalo. O mandato catalán requiriría dunha ulterior reforma constitucional, de ser afirmativo. Unha reforma que habería pactarse previamente.
A historia europea recente amósanos que non se pode negar pacificamente o dereito a decidir. Eslovaquia, Chequia, Eslovenia, as tres repúblicas bálticas ou Irlanda son Estados membros da Unión Europea que non existían hai cen anos e moitas veces separáronse de Estados cos que seguen a partillar a Unión. As realidades mudan e o Dereito está para regular a convivencia. A convivencia, que ha ser aceptada e non imposta.

A necesidade do referéndum catalán

Te puede interesar