O mito da creación de emprego

Unha mentira repetida mil veces remata por se asumir, polo menos por amplos sectores sociais, como unha verdade. Boa parte da opinión publicada madrileña insiste en que o Estado español é líder europeo na xeración de emprego. Segundo estes propagandistas de quenda estaríamos saíndo da crise.
Non hai tal. A creación de novo emprego relaciónase íntimamente co moi intensivo proceso de destrución de emprego sofrido polo Estado nos anos da Grande Depresión, que chegou acadar un 25,7% de desemprego segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) nos anos 2012 e 2013 (19% agora). Mais o novo emprego non se contrata nas condicións do destruido.
Perdeuse, nomeadamente na Galicia, emprego industrial con soldos que hoxe nos semellan dignos. E xeráronse ducias de milleiros de subempregos suxeitos a unhas condicións moi desfavorábeis: xornadas parciais (que logo se convirten, moitas veces e sen remuneración adicional en totais), retribucións baixas pola desregulación (emprego creado á marxe dos convenios ou privatización de servizos públicos) e temporalidade.
Hai expertos que calculan o subemprego no 27% do conxunto do emprego a nível estatal. Estaríamos no Estado en níveis reais de paro estimado do 24-25%, no canto do 19% que nos dí a EPA hoxendía. As novas rendas salariais non xeran, pola súa cativeza, case cotizacións para a Seguridade Social nin impostos directos.
Os novos trabalalladores son pobres, na súa maioría. E unha sociedade que crea un emprego que non permite sair da pobreza é unha sociedade fracasada e con graves problemas de lexitimidade.
Esta caste de emprego non lle permite desenvolver un proxecto de vida á xente nova. Pois logo, a natalidade seguirá nos níveis actuais ou empeorará. A estrutura demográfica española (que lles dicir da galega!) anticipa un futuro con crecementos próximos a cero.
Velaí que o crecemento nominal de emprego dos últimos dous anos non fixera maís que alimentar os desequilibrios dunha economía sen correcta asignación de recursos nin xustiza na distribución.

O mito da creación de emprego

Te puede interesar