Integrarmos a diferenza

Os valores de inclusión e cohesión social propios dunha sociedade moderna e democrática esixen integrarmos aos diferentes. Nenos e nenas con diversidade funcional, aqueixados de parálise cerebral, síndrome de Down, cardiópatas ou sofridores de doenzas graves non están a ser integrados a xeito no sistema educativo galego. E as súas necesidades tampouco están a se fornecer no noso sistema sanitario.
Lemos e escoitamos día a día historias de diferentes crianzas que sofren discriminación pola súa condición diferente no noso sistema público. Se a crianza non controla os seus esfínteres non hai recursos que atendan á súa limpeza e comodidade. Chaman pola nai para que deixe traballo ou ocupacións e vaia á escola atender á filla. Os recurtes da dereita non dotan aos centros de persoal non docente que poida atender estas necesidades e outras como axudarlles cos seus problemas de mobilidade ou darlles as menciñas e tratamentos.  Carencias impropias dunha sociedade avanzada.
Mais tamén o Sergas desatende as necesidades destes nenos. As persoas que sofren parálise cerebral requiren de fisioterapia continua para superar a dor e a rixidez dos espasmos que sofren. As crianzas aqueixadas de cardiopatía requiren de fisioterapia respiratoria continuada. Pois ben, esta continuidade se lles nega. Aténdeselles por quendas e con meses de interrupcións entre elas, frustrando os resultados terapéuticos que esta continuidade obtería. Non falemos xa dos Centros especiais que tiveron que pechar pola supresión ou redución das axudas. Ou do abandono total das políticas de  integración polo emprego das persoas con diversidade funcional. O caso de Aspanas Termal en Ourense amosa ben ás claras o desleixo da Xunta a respecto deste obxectivo. Coma sempre, as carencias do público atopan na cidadanía unha axeitada resposta para cubrilas. Profesores que atenden esas necesidades materiais non educativas que habería fornecer o persoal non docente que non existe, nenos e nenas atentos a axudar aos seus compañeiros… Mais para integrarmos a diferenza compren solucións políticas e non solidariedade voluntarista.
 

Integrarmos a diferenza

Te puede interesar