Día da Patria, Día de Galicia

somos persoas cidadás do mundo. Mais facemos parte dunha identidade nacional, dun país, dunha patria…O patriotismo non bate co universalismo, para sermos persoas precisamos raíces, para pensarmos en global precisamos actuar localmente. O agarimo polo propio, o respecto e adhesión á propia identidade é un fenómeno sán e común na nosa contorna. Himno, bandeira e día nacional son constantes nas celebracións patrióticas doutros países. Se os USA celebran o 4 de xullo e os franceses o 14 máis xustificado estará que celebremos o noso Día Nacional ou da Patria o 25. Negaron a nosa identidade nacional durante séculos e, xa que logo, haberíamos visibilizar moito máis os nosos sinais de identidade.
Mais compre termos en conta que a meirande parte da poboación non adhire estas celebracións identitarias, o que non quita que moitos teñan Galicia como o seu referente, malia que non partillen unha definición galeguista. Velaí que o proxecto nacional galego teña de propor á cidadanía un patrotismo moito máis cívico ca identitario, moito máis republicano ca esencialista. O proxecto nacional, o proxecto galeguista, ha seducir demostrando na práctica que sabe xerar benestar para a xente, que o autogoberno é a fonte das solucións e que dependermos do Estado e da súa falsa solidariedade é o camiño cara á pobreza e a irrelevancia.
Porque Galicia, como pequeno país europeo de menos de ters millóns de habitantes (5% do PIB estatal, 5,4% da poboación do Estado) asenta a súa economía nuns alicerces que son para o Estado prescindíbeis. Isto quere dicir que para o noso benestar precisamos gobernarmos. Moito máis ca Catalunya ou Euskadi, que inflúen máis na economía española.
Qué autogoberno precisamos? Independencia, cosoberanía, ampliación estatutaria…? Non é doado respostar esta pregunta. Mais si cómpre apuntar que o noso benestar precisa que as nosas institucions de autogoberno teñan verdadeiros poderes que hoxe non teñen, como fixar os contidos educativos, lexislar a administración local, resgatar ou fixar as peaxes da AP-9, xestionar os nosos portos e aeroportos e recadar os impostos.
Mentres, o Estado español semella tender máis á recentralizar as poucas competencias que o Poder Galego ten antes que redeseñar o Estado a xeito plurinacional e en rede, como esixe a evolución dos tempos.

Día da Patria, Día de Galicia

Te puede interesar