DESPOLITIZARMOS O PODER XUDICIAL

A grande maioría dos xuices e maxistrados nos níveis inferiores e medios (Xulgados unipersonais, Audiencias, Salas do Contencioso e do Social dos Tribunais Superiores autonómicos) son  independentes de toda caste de presións políticas. O seu problema é a falla de horas no día para atender o exceso de traballo(o Estado español ten un 40% menos de xuices que a media europea) e máis a falla de medios materiais, humanos e técnicos para desenvolver de xeito eficaz o seu labor.
       Porén, cando sobimos na escada profesional atopamos a polítiquería do bipartidismo dinástico. Porque o Consello Xeral do Poder Xudicial, deseñado de primeiras na Constitución para preservar a xudicatura das inmisións dos Ministros der Xustiza, converteuse coa praxe do tempo, nun órgano partidista que controla con mán de ferro os nomeamentos dos Maxistrados do Tribunal Supremo e doutros altos cargos xurisdicionais. Se a isto lle engadimos o control que estes mesmos partidos exerceron sobre o nomeamento dos maxistrados do Tribunal Constitucional (hoxe refén dunha maioría mecánica que xurde da santa vontade de Mariano Rajoy) podemos entender a degradación que vive o noso sistema de garantías xurídicas nos seus chanzos máis determinantes.
    Velaí a axenda do Tribunal Constitucional, sempre disposto a lle resolver os problemas institucionais ao Goberno do Estado e lento a adoptar decisións tan importantes como axeitar a nosa xurisprudencia ás resolucións dos Tribunais Europeos de Xustiza e de Ddereitos Humanos. Ou as resolucións da Sala do Penal do Tribunal Supremo, que sentaron precedentes coma a “doutrina Parot” ou a desproporción retributiva entre os reos de corrupción e os que sobardan levemente os límites do exercicio dos dereitos á libre expresión ou manifestación. Sen contar a doutrina xurisprudencial dunha Sala do Contencioso do Tribunal Supremo que confirma a ruptura das regras do xogo retributivas das enerxías renovábeis, para facilitar a axenda pro grandes distribuidoras eléctricas do Goberno do Estado.
    E velaí como de paseniño (e ás veces dun xeito acelerado) vaise impondo na cidadanía a idea de que a xustiza non é independente, cando a meirande parte dos seus servidores loita continuamente para manter a súa ecuanimidade e para atender a xeito as súas axendas inabarcábeis.

DESPOLITIZARMOS O PODER XUDICIAL

Te puede interesar