• Jueves, 23 de Noviembre de 2017

As razóns de Catalunya

catalunya era un país con poucos independentistas

catalunya era un país con poucos independentistas até xuño do 2010, cando o Tribunal Constitucional (TC) desfixo o novo Estatut que aprobara o pobo catalán en referéndum no 2006, dando por pechada toda solución á cuestión catalá dende o autonomismo. Asistimos en meses á conversión en indepes de sexaxenarios cidadáns federalistas votantes do PSC e de mozos barceloneses castelánfalantes fillos da inmigración murciana e andaluza. En setembro de 2012 o president Artur Màs tentou de Rajoy un pacto fiscal para acadar un concerto económico semellante ao de Euskadi e Navarra, mais Rajoy rexeitou a proposta por inconstitucional.
Dende entón –e máis dende a Diada do 11-S do 2012–0, arredor da Assemblea Nacional Catalana e de Omnium Cultural foise estruturando unha potente organización transversal e interclasista para lle dar canle á autodeterminación de Catalunya. En Madrid e outros lugares do Estado adoitan pensar que o pulo soberanista naceu do xogo politico de CDC (hoxe PdeCAT), ERC e CUP, mais o movemento soberanista trascende moito dos partidos nacionalistas, das elites e dos catalanfalantes. É un movemento social que integra toda caste de cidadáns de Catalunya.
Os Gobernos da Generalitat tentaron abondo pactar co Goberno do Estado un referéndum para que Catalunya fixese uso do dereito a decidir que deriva da conxunta interpretación do Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (1966) da ONU, do artigo 96 da Constitución e da doutrina emanada da Sociedade de Nacións (antecedente da ONU) ao recoñecer determinadas nacións europeas sen Estado (como fixo coa nosa Galicia en setembro de 1933). Un dereito a decidir que máis do 70% da cidadanía catalá quere concretar nun plebiscito.
Velaí que, pechadas todas as vías de consenso, o Parlament catalán, seguindo o mandato das eleccións autonómicas de setembro de 2015, vaia aprobar esta semana a Lei do referéndum, que dará cobertura normativa ao Decreto do Govern convocando o vindeiro plebiscito do 1 de outubro. O TC suspenderá esa cobertura normativa e constataremos o confronto entre a normativa constitucional española e a emanada do mandato cidadá catalán de setembro de 2015.
Confronto de lexitimidades que non se amaña con Tribunais nin moito menos coa Garda Civil ou os tanques. E Rajoy sábeo.