O MEU HEROE

Aposguerra que veu despois da guerra incivil trouxo uns tempos miserentos nos que os vencedores, seguindo consignas do Goberno, aldraxaron, dende a súa posición de forza, aos perdedores. Non houbo eido que non fose represaliado con man de ferro, en nome de Deus, da Patria e do Xefe Supremo, disque pola gracia de Deus. ¡Ai dos vencidos! Calquera manifestación que significase algún xeito de crítica ou menosprezo ao novo réxime ou aos vencedores, era obxecto de castigo en forma de multas, cadea e incluso co pelotón de fusilamento. Por si a miseria e a tristeza da xente non fora dabondo, o medo estaba xeneralizado.
Ía un frío glacial naquela estación onde un home coa súa muller e catro fillos que cabían nun goxo, esperaban a chegada dun tren que os ía levar lonxe da súa aldea natal, na procura dunha vida mellor. Estando nelo chega un fato de seis ou sete individuos, arrodeando a outro que semellaba ser o xefe, con moitos espaventos e ir e vir con saúdos, berros e cánticos patrioticos.
Xa chegado o tren, un mixto cutre e miserento acorde cos tempos, instalase o home coa súa familia na plataforma de entrada dun vagón e cerra a porta de acceso para se defender do frío. De súpeto a porta ábrese de xeito tan violento que a piques está de esmagar á muller e aos pícaros ao mesmo tempo que, con moita fachenda, sobe ao vagón o xefe coa súa camisa nova e a correaxe co seu correspondente pistolón. Nin desculpas pediu.
Despois do susto, e de comprobar que a súa muller e os seus fillos non sufriran mal algún, o home cheo de carraxe sen poder se conter, diríxese a aquel poderoso personaxe nestes termos: Se lle chega a tocar un só pelo da roupa a alguén da miña familia, pégolle unha h..... que lle arrinco a cabeza. (Sic)
Ante a firme e viril actitude do noso home, alto coma un piñeiro e forte coma un buxo, o arrogante guerreiro, vencedor en mil combates, agachou acovardado a cabeza e foise paseniño vagón adiante sen dicir nada. Aquel día empecei a ver ao meu pai coma un heroe, sentimento que dalgún xeito, conservei durante toda a miña vida.

O MEU HEROE

Te puede interesar