NOVOS PARTIDOS

Nas pasadas eleccións europeas os votos do resto das formacións políticas superaron ao tradicional bipartidismo popular e socialista. Incluso en Galicia, os de Podemos repasaron ao Bloque por goleada. Nestas municipais, a fauna política é máis variada, xa que un grupo residual, como o de UPyD, parece que lle abre a porta a outro non menos marxinal que Ciudadanos, aínda que estes últimos veñen aprobados polo madriñelismo español de alto predicamento no noso territorio.
Resulta que unha muller cabreada co seu partido forma outro, recibe a aprobación da corte mediática do Reino, vén a Galicia a manifestarse contra os galegos, chámanos pexorativos e aínda así, resulta que hai autóctonos que votan por ela. Isto sería o paradigma moderno do autoodio.
Para máis, esta formación estase autoderruíndo e parece ser que os seus afiliados, coñecemos agora que eran multitude, está a fuxir a outra formación catalá que se quere implantar por aquí seguindo a tradicional vía madrileña. A verdade é que é difícil de entender, tanto como as mareas lagarteiras.
O carácter galaico non deixa de sorprender; por unha banda, segue o anticatalanismo promovido desde Madrid e, pola outra, mostrase disposto a seguir un modelo político pensado para Cataluña, como se por aquí lle désemos á sardana ou aos castellets. En fin, que a pouco que nos poñamos deixamos a cultura galega por outra mediterránea.
Normalmente estes partidos de moda acábanse esluíndo entre a realidade e a ficción, sobre todo porque os seus integrantes son persoas chegadas doutras formacións, onde arribaron procedentes de outras anteriores. Seguindo a máxima de que un está no dereito de cambiar de opinión, esta xente súmase a algo porque non a quixeron ou non foi quen de achegar ideas en grupos políticos nos que empezaron. É dicir, que son excluídos dos excluídos.
Cada vez prodúceme máis mérito aquelas persoas que militan no nacionalismo galego en xeral porque, como en toda formación, haberá listos e parvos, válidos e trepas, teñen o seu futuro de ocupar un cargo público moi difícil, mentres que outras formacións posibilitan o acceso a un posto de responsabilidade, desde concelleiro até conselleiro, con relativa facilidade, o cal leva que as grandes formacións teñan lista de espera para ingresar, sen posibilidade de filtrar aos mellores, que para iso xa está a xustiza conforme pasen os anos.
Sen dúbida serán unhas eleccións locais apaixonantes no que se refire á constitución das corporacións e comece o mercadeo de dedicacións exclusivas e combates pola área de Urbanismo. Pero sexamos positivos, non todo vai ser malo con esta nova xente que entra na política, xa que se notará unha substancial redución do desemprego endémico galaico ao entraren todos estes chegados de novas inquietudes, como din, no concellos ben sexa como electos ou como persoal auxiliar de confianza.

NOVOS PARTIDOS

Te puede interesar