A HABANA PERDIDA

Adiplomacia española sempre está ausente nas causas que interesan e no caso das relacións con Cuba é un dos exemplos máis notorios cando se deixa a influencia na illa aos canadenses. Nunca se entendeu iso da postura común europea contra o país caribeño, xa que outros estados menos cumpridores da democracia e dos dereitos humanos son aclamados e mírase para outro lado cando eses gobernos fan das súas.
O restablecemento de relacións entre os Estados Unidos e Cuba leva consigo beneficios para ambos países e sobre todo para Canadá, que a poucas horas de avión vai ter un destino paradisíaco para os seus cidadáns que viaxarán ás súas cadeas hoteleiras de Varadero. Menos mal que os intereses turísticos españois non se quedaron atrás, porque se seguen as indicacións da Unión Europea agora sería case imposible establecerse alá.
Resulta curioso que a prensa madrileña poña o grito no ceo cando calquera político español vai de paseo á Habana. A última, coa visita do ministro de Exteriores, o colmo, vaia, que se chega ser un concelleiro de Cuenca seguro que o decapitan.
Esperemos que non saiban das viaxes dos conselleiros galegos polo Malecón, aínda que tanto lles dará xa que o que pasa por aquí é de pouco interese xa sexan financiamentos ilegais ou cursos fantasma. O caso é que a Rajoy o que lle suxeriu que caese o muro entre Castro e Obama foi que os cubanos eran moi simpáticos, como os andaluces, creo.
Dada a falta de iniciativa do goberno federal, os galaicos teríamos que tomar cartas no asunto, que feito somos os únicos que sabemos vestir de guayabera somos ben recibidos en augas caribeñas e ademais somos sinónimo de español e pailán, aínda que de tontos non temos un pelo, sobre todo cando toca facer cartos nun país que deixamos a medio explotar pola chegada da revolución castrista. O certo é que non posuíamos casinos, pero ninguén os limpaba coma nós.
Antigos residentes na Habana contaban que coa chegada dos barbudos, os primeiros que escaparon da illa foron os polacos, quen case regalaba os seus negocios, que foron comprados a módico prezo por galegos, que confiaba que a revolución lles abría máis posibilidades de facer fortuna, así que os galaicos quedaron axudando a consolidar o novo réxime até que foron expropiados e algúns regresaron aquí e outros continuaron a súa aventura polos países limítrofes con grande éxito.
É normal que o goberno non deixe ir ao rei a Cuba, xa que alí está o único trono real da monarquía española, pero non se entendeu nunca a postura de Aznar co comandante nin aquela historia das gravatas nin aquel mover ficha, cando Cuba é algo máis que un réxime político.
Tampouco ten sentido seguir agora co servilismo dos Bush nin dos exiliados en Miami, onde case todos son galegos.

A HABANA PERDIDA

Te puede interesar