Festas célebres

Eu non son gran amante das festas nin sequera dos aniversarios nin onomásticas e menos aínda das celebracións patronais. Que queren que diga... que iso de amencer a base de detonacións pirotécnicas e estrondos de gaitas e tamborís levántame dores de cabeza que nin o ibuprofeno intravenoso calma. Pero son os males do verán galaico que, xunto co frío e a chuvia, forman parte do ambiente autóctono.
O chamado día de Galicia ou do patrón de España pois é outra xornada de aburrimento sublime e de discursos de marcado carácter somnífero. Antigamente aínda había animación policial, pero hoxe en día as manifestacións fanse de modo virtual e un manda un twit ou unha mensaxe e parece que xa cumpriu, iso si, despois de ir á misa e antes de tomar unhas birras até chegar a un punto alcohólico  que favoreza unha soneca vespertina. En resumo, é unha celebración tan pesada como un voo transoceánico de Air Europa.
Menos mal que as novas xeracións están dando un pulo ao asunto e aproveitan o día para conmemorar exaltacións gastronómicas, como a hamburguesa, prato típico do mundo globalizado, ao igual que a empanada sen capa superior coñecida como pizza. A mocidade reúnese polas noites a darlle á salchicha e ao tinto de verán até o amencer. Estas si que son festas grandes e sen discursos nin gaitas que alelen desde primeira hora da mañá e para o resto da semana.
Os días festivos só son bos para os supermercados, que baleiran os estantes por compradores compulsivos e pavorosos de que haxa unha xornada sen pasar o cartón de crédito pola máquina. Sempre que me coincide ir facer a compra nunha ponte de días feriados, recórdame as zonas de guerra onde estiven. A xente segue tendo a necesidade de acaparar azucre sen que se saiba moi ben por que, nin sequera latas de conserva de factorías autóctonas, só edulcorante, pero dá pánico ver os andeis sen mercadorías, incluso os destinados á chamada limpeza doméstica, como se se aproveitase a festividade para acometer un lavado profundo e desinfección das vivendas. Xa pasamos unha festa institucional e seguimos vivos á espera da seguinte, que calquera sabe cal é, aínda que por diante quedan moitas festas medievais, piratas, viquingas, ibicencas, polinesias, de merengue, de exaltacións das ás de polo, romanas e algunha que outra celta, as menos, porque os galaicos somos máis do flamenco e a tauromaquia e dos corridos mexicanos, que a pouco que nos suba o índice de alcoholemia xa nos poñemos a falar como Cantinflas e a danzar dando voltas coas mans agarradas ás costas. Estas si que son festas célebres.

Festas célebres

Te puede interesar