Estatísticas galaicas

Coñecemos os últimos datos do Instituto Galego de Estatística que reflicten que en Galicia se vive de marabilla, que nin en Noruega, Liechtenstein ou calquera deses países estraños dos que escoitamos falar de vez en cando.
Manexando as porcentaxes temos que case o 60 por cento dos autóctonos non chega a fin de mes, mentres que outra ratio similar, o 57 por cento, ten pensado darlle un gusto ao corpo nos próximos meses e visitar unha cafetería, ir ao cinema ou lanzarse a ver mundo. Así que a situación económica non está tan mal e aínda que se acumulen os desempregados mes a mes, algo sospeitoso falla nos estudos sociolóxicos.
Hai quen dicía que se por aquí estamos tan tranquilos, pensando no fútbol e noutras actividades lúdicas, é porque a economía oculta e a verdadeira, a real, que produce que os galaicos paguen o recibo da luz ou o ocaso sen dilatacións malia a non ter un ingreso regular, de feito hai quen está pagando unha segunda vivenda, un 4 por cento, e outro 17 a primeira, de modo que hai un 79 por cento de nativos galaicos que teñen casa pagada e amoblada, así que a burbulla inmobiliaria en Galicia foi de impacto mínimo.
Calquera goberno estaría en alerta cos índices de desemprego que existen en Galicia, pero aquí estar no paro parece que é como estar traballando e as autoridades saben que ter subvencionada á poboación e tela contenta, aínda que moitos galegos boten a perder a súa vida laboral por estar cobrando en negro e o país perda capacidade produtiva pola economía subsidiada.
Ademais, os galegos temos dereito a ser como os madrileños, eses que vemos nos noticiarios estatais que inundan os centros comercias nas rebaixas e que saen os fins de semana en coche para as praias levantinas. Aquí non imos ser menos, e os sábados marchamos de compra ou para facernos ver por un shopping center cunha bolsa na man. Pero coidado, aínda hai quen aforra para imprevistos, e o máis frecuente, a espada de Damocles galaica, é pasar a ITV, porque os automóbiles galaicos van camiño de aparecer en series televisivas e longametraxes históricas.
O bonito de Galicia é que é un país de contradicións, como a paisaxe urbana e rural, que moi arrodeada de verde, pero con chabolas con escaleira de mármore, con casas de Falcon Crest e un Skoda soviético á porta, sen emprego coñecido, pero de viaxe ás illas Canarias.
O que parece claro é que as estatísticas non son aplicables aos galaicos e máis se o encargado de idealas non sabe como preguntarlle a un galego o que é un gasto extraordinario ou canto gaña ao mes, sobre todo se empregan o verbo “percibir”

Estatísticas galaicas

Te puede interesar