DESPOIS DAS VACACIÓNS

Todo parece indicar que a consigna política é que xa se saíu da crise. Se tal afirmación vén dun político non parece moi crible para o conxunto dos súbditos, pero se comezamos a oír falar da síndrome posvacacional a cousa cambia. Pois niso están, bombardeando ao persoal cos problemas de reincorporarse ao traballo, cando o Reino mantén un 25 por cento de desemprego, parece que é unha broma, como esa dos millóns de desprazamentos en coche, cando o parque automobilístico supera os dez anos de antigüidade. Por estas terras eses problemas de volver ao traballo non se teñen: aquí ou estamos en paro permanente ou traballamos todos os meses do ano.
Os galegos estivemos tranquilos todo o mes de agosto grazas ás vacacións de todo o goberno e case non se viron, algo que hai que valorar, pero ameazan con regresar xusto para a campaña incendiaria que se viu retrasada polo mal tempo reinante, menos mal que o asunto do mexillón animou algo a campaña como as tradicionais colas nas portaxes da autoestrada. Porén, hai que supoñer que queren alongar desde a Xunta os meses de vacación coa campaña esa antiafogamentos nas praias, onde salvo infortunados casos a temperatura da auga do mar na costa galaica non anima a realizar grandes proezas natatorias nin de inmersións.
Pero temos que ir entrando en calor e a mellor forma é comezar a precampaña das eleccións municipais, que aínda que son en maio van vir movidas polo asunto ese de que goberne a lista máis votada. Penso que antes de enlearse en porcentaxes de votos para dirixir os concellos habería que suprimir, fusionar, segregar e anexionar uns cantos dos moitos que temos en Galicia. Esa sería a verdadeira reforma local que se tería que acometer xa que moitos consistorios non teñen nada que ofrecer a non ser funcionar como unha axencia de colocación de veciños en paro, principalmente nos meses de verán.
Até o próximo verán andaremos de eleccións en eleccións, porque non hai que esquecer que despois veñen as xerais, coa súa síndrome posvacacional incluída. O bo de tanto comicio en menos dun ano e que se retomarán os investimentos públicos en grandes obras, que quen sabe como serán, pero o peor vai ser que os alcaldes non dispoñerán de piscinas e polideportivos que abrir aos censados. Pera evitar isto, resulta sospeitoso que haxa estradas de circunvalación que estean case finalizadas e non estean abertas ao tránsito rodado, como outros centros sociais. De seguro que se espera a un bo momento electoral.

DESPOIS DAS VACACIÓNS

Te puede interesar