O CAPITÁN FANDIÑO NO CARIBE

Xoán León Fandiño, un mariño galego, capitaneaba en 1731 un gardacostas bautizado como “La Isabela” polo Caribe cando o vixía deu a voz de alarma de que andaba por aquelas augas un navío inglés, chamado “Rebecca”, ben coñecido pola oficialidade da Armada  e simpatizante das tripulacións forzadas nas naves españolas, ao mando de Robert Jenkins. Así que o bravo comandante galaico, como non podía ser menos, abriu as velas e lanzouse á captura do corsario en augas da actual Venezuela.
Como non hai ninguén que se resista á determinación galega, o inglés pronto sucumbiu á destreza mariñeira de Fandiño, natural de terras ártabras e afeito a practicar desde pequeno na captura da sardiña polas augas da Marola e Chanteiro. Así que tras a inspección oportuna do barco inglés e a confiscación da mercancía como botín para a díscola tripulación, deixou marchar ao pirata rumbo a Inglaterra, baixo a ameaza de ser aforcado se o volvía ver por alí.
O covarde de Jenkins cortouse unha orella pouco antes de chegar a porto británico e dixo que fora o galego Fandiño quen lle seccionara o apéndice cunha navalla forxada por un hábil ferreiro de Coristanco e por riba o pirata comentou que ameazou ao rei dos ingleses con podarlle a cara de apéndices se continuaba cos asaltos en terras e mares do Caribe.
A verdade e que o capitán Fandiño non fixo tal cousa, senón que apreixou un navío pirata sen máis, pero este episodio deu lugar á famosa guerra do Asento tamén coñecida pola guerra da Orella de Jenkins, de onde sae o actual ianqui co que se denomina por terras amerindias aos mestizos de ingleses e holandeses. Un galego non cortaría nunca a orella a outro ser humano, o normal é que lle segase a cabeza cun corte limpo, dada a habilidade autóctona e innata que temos no manexo da fouce, tal como nos recordou Ramón Cabanillas non hai tantos anos.
Algún resto xenético debeu deixar por alá, por augas caribeñas, o tal Fandiño que os galegos estamos unidos a aqueles lugares tropicais por máis que un vínculo sentimental, así que tras colonizar Cuba, despois de que botaran aos españois da illa, os galaicos regresamos alí e fomos recibidos como heroes. Agora saudamos aos banqueiros venezuelanos co mesmo entusiasmo e nos rendemos ante os investimentos de petroleiras mexicanas.
Se os galaicos non tivésemos tanto afán localista, desde a Coruña ou Vigo sairían centos de buques container con destino ao Caribe e un avión diario desde Santiago a Caracas, México DF e A Habana, pola sinxela razón de que Galicia queda máis cerca que Madrid do paraíso caribeño, algo que xa descubriu hai anos o capitán Fandiño.

O CAPITÁN FANDIÑO NO CARIBE

Te puede interesar