Onde se poder medir ben a animalidade humana é na sexualidade. Moitas relixións póñenlle reparos á práctica sexual pura e dura. Non é para menos. O pintor Leonardo Da Vinci, que sabía pillar ao minuto os xestos dos corpos, anoxaba do acto sexual porque lle parecía horrible. A mestura de pracer, violencia, sufrimento e perda da racionalidade non era para el. No éxtase de Santa Teresa de Bernini hai algo dos versos da santa: “Vivo sin vivir en mí y tan alta vida espero que muero porque no muero”. Os franceses tan depurados para as cousas do amor falan da “petite morte”.
Pero hai máis e desacougante. O avogado Von Schirach, no seu libro de relatos “Crímes” conta o caso dun estudiante que despois de facer o amor coa noiva e contemplando o seu corpo espido tan fermoso deulle a arroutada de comelo a bocados. E cunha navalla de afeitar meteulle un corte no lombo... A rapaza puido escapar e presentou denuncia por tentativa de asasinato. O estudiante confesou ao avogado que sentíu un desexo irrefrenable de merendarse á noiva. Tanto a amaba que a quería comer a bicos e por cachos.
Ás veces usamos palabras polo seu lado inocente: Voute comer a bicos... É un bombón, un yogurín... Cada quen que coloque as súas preferencias gastronómicas. A cousa está complicada. A propia palabra “foder” serve tanto para un roto como para un descosido. Por exemplo, o presidente ruso ven de chamar aos opositores: “estúpidas ovellas a quen están a foder pola boca”. O sexo ten de veciños a agresividade e a vexación.







Más opciones



