A VOZ DA EXPERIENCIA

Agora que empezan a moverse mitins e propagandas, empezan os agravios comparativos. Hai quen fala dende a novidade e quen fala dende a experiencia de décadas de exercicio no servizo público. Rajoy avisa contra aqueles que prometen moito, para despois non cumprir nada. Pero, contrariamente ao que puidera parecer, non fala del nin do seu partido. A pesar de ter o record mundial de incumprimento de programa electoral avisa sobre outros partidos que asoman nestes tempos, e que cualifica de mentireiros.
Sonche as cousas que pasan cando temos campañas electorais á vista. Por iso, o que ata este intre era categórico: non permitiremos que ninguén que estea imputado forme parte das listas electorais, acaba converténdose nun rosario de desculpas, explicacións e estraños encaixes que facilitan aquilo de onde dixen digo, digo diego. Pero rematando sempre co famoso slogan, politicamente correcto, de total transparencia e sen sombra de sospeita. Ou a eterna promesa de non estar máis de dúas lexislaturas, sempre anunciada a bombo e platillo, pasa a ser unha renovación dos recen chegados e conservando a aqueles que hai que conservar década tras década, non se sabe ben porque estraño cálculo de rendibilidade.
O que está claro, é que novamente perderemos a oportunidade de achar a explicación última de porqué a dereita nunca ten escisións, mentres na esquerda nacen continuamente novos partidos, que acaban por facer cada vez máis débil a matriz orixinal. Posiblemente sexa materia para aqueles que manexan os máis inexpugnables arcanos.

A VOZ DA EXPERIENCIA

Te puede interesar