DE VERDADEIRO ESCÁNDALO

Israel suma e segue, bombardeando Gaza como se non houbera mañá. E a sociedade mundial asiste, abraiada, a ese concerto de peticións suaves, e de descualificacións ligths, que os organismos internacionais lle prodigan, pero con escasa contundencia. Ataques a escolas identificadas como refuxio. Hospitais, nenos, poboación civil, todo converteuse en obxectivo militar. Semella unha maldición bíblica. O secretario xeral da ONU di que é vergoñento o que está a suceder. Obama pide diálogo e acordos. Pero ninguén propón, nin consegue a aprobación de medidas, para poñer coto e final a tanta barbarie.
Rebentou o caso Pujol. A autoinculpación do ex-presidente (feita ao coñecer que fora pillado na allada) deixa unha ampla área infestada e contaminada, que afecta á súa familia, pero tamén ao seu partido CiU. A constatación, de viva voz, de que ao longo de 34 anos non cotizou polo que lle correspondía, significa un torpedo na liña de flotación, da credibilidade da sociedade na política, e no comportamento dos políticos. Entramados societarios, mochilas cheas de cartos pasando fronteiras, herencias, tráficos de influencias... unha trama, que ten todos os ingredientes dunha boa novela negra. Unha familia onde non se salva nin o apuntador.
Baltar, o antes todopoderoso presidente da Deputación de Ourense (e agora xubilado), foi condenado a 9 anos de inhabilitación pola contratación de 104 persoas (sen publicidade nin concurso) no 2010. A compravenda de favores ao máis clásico estilo caciquil. Dispoñer do de todos como se fora del e co único obxectivo de manterse no sillón como fora. E, como os grandes cazadores, non errou nin un só tiro. Todos os contratados eran dos deles. Unha condena xusta, pero que chega demasiado tarde. Como sempre.

DE VERDADEIRO ESCÁNDALO

Te puede interesar