DE URXENCIAS E DEMORAS

Os acontecementos derivados das eleccións do pasado día 24 son tan intensos que semella que pasara moitísimo tempo dende que se teñen celebrado. E, dalgún xeito, o feito de esperar tres semanas para constituír os novos concellos é unha demora innecesaria e que non admite moita xustificación.
Mentres todo está en compás de espera nos concellos en funcións e nunha absoluta situación de provisionalidade seguen aprobando e decidindo inversións, concesións ou gastos, que supoñen endebedamentos que condicionarán a situación económica das vindeiras lexislaturas. Sei que é legal, pero non é ético. E non falo de saltarnos as leis que nos parezan inxustas, como alguén dixo. As leis están para ser cumpridas e se son inxustas haberá que cambialas nas Cortes Xerais, que é onde reside a competencia para poder facelo.
Falo de reducir prazos innecesarios que nun momento determinado da nosa aprendizaxe constitucional e democrática puideron ser entendidos e explicados doutra maneira. Pero agora é unha perda de tempo e de enerxías que demora os acordos e reduce o marxe da planificación urxente da nova realidade, tan necesaria para resolver vellos problemas e moitas situacións dramáticas. Nunca tantas máquinas de destrución de documentos funcionaron neste país. Hai quen non quere deixar constancia de moitas cousas nin memoria doutras que puideran ser malinterpretadas.
Mentres, a escenificación dos pactos en comunidades e concellos, sufre do mesmo mal ca túnica de Penélope, que destece pola noite o que xa tecera polo día. Os intereses, as estratexias, as dramatizacións, os compromisos de acordo e as fotos que inmortalicen os cambios de destino non precisan máis que vontade, vocación e compromiso. É cuestión de esixencias, non de tempos. O resto é marear a perdiz.

DE URXENCIAS E DEMORAS

Te puede interesar