DE UE E DAS BANDEIRAS

Adecisión da UE no tema dos refuxiados sirios leva camiño de converterse nunha fractura entre administradores e administrados. A concesión a Turquía do statu de xendarme desta pretendida Europa do benestar fronte á dramática situación dos que foxen para salvar a vida dos seus semella non só que é unha decisión inxusta, se non tamén unha radiografía da alma podrecida dunha institución que deixa de escoitar a vontade da súa cidadanía. 
Se Europa era algo, era precisamente polo seu carácter social. Se tiña unha definición que satisfacía a amplas masas de poboación era precisamente a referida á protección e axuda a aqueles que necesitaban das políticas europeas para saír adiante. Os problemas non entenden de fronteiras. Non deixan de existir porque cambie a nacionalidade dun espazo físico. Se algo aprendemos é que a solidariedade é un exercicio que precisa de músculo, de crenzaa e de constancia. As traxedias medran por decisións inxustas que aplican conceptos mercantís a sentimentos coma o medo, a anguria, a desesperación ou a esperanza. 
Falamos de xustiza e de inxustiza coa mesma indiferenza coa que falamos do tempo. Temos un alto concepto de nós mesmos, pero nunca puxemos en práctica a resistencia dos límites que polas teorías coñecemos. Non é problema de bandeiras. É problema de dirixentes, de políticas e de prioridades. É un problema da priorización da economía sobre outros valores. E, sobre todo, de esquecer para quen e para que facemos política.

DE UE E DAS BANDEIRAS

Te puede interesar