Tempos de vendimia

Asoman xa os tempos de vendima. As cores, antes dun verde vizoso nas parras, empezan a tornarse ocres e vermellos. Aromas doces viaxan en cada acio maduro e trasladan a memoria a outro tempo, quizás tamén máis doce. Baixaron varios graos as temperaturas, pero segue a ser un tempo fantástico, unha explosión de solpores que incendian cada tarde a liña do horizonte. Galicia empeza a recoller os froitos da colleita. Tamén no político empezan tempos de apuntalar ou consolidar (para algúns) e de romper co anterior e sementar os cimentos dun tempo novo (para outros).
Novamente toca vender expectativa fronte aos que insisten en vender feitos consumados. É certo que a situación de provisionalidade que vive o conxunto do Estado resta moito protagonismo a unha campaña da importancia que debera ter a que estamos a vivir. Os complementos da campaña, os temas colaterais, como a próxima paternidade de Feijóo, ou se as campañas e fotos dos carteis foron deseñadas por amigos ou inimigos son os que máis espazo ocupan en detrimento do que realmente importa.
E ante tanta promesa en tantos campos como os que se anuncian estes días e aproveitando que empezou xa o curso escolar non podo evitar lembrarme daquel éxito rotundo, no social e no político, da gratuidade total dos libros de texto posto en marcha polo presidente Touriño.
Hai políticas e compromisos que transforman e axudan. Esa foi notoria e supuxo un importante aforro directo ás familias. Cada vez que alguén protesta polo prezo dos libros de texto, non podo evitar lembralo. Tristemente, algúns que agora protestan, aplaudiron con inconsciencia retirala. Ogallá volvan tempos de políticas sociais, de luz e taquígrafos.

Tempos de vendimia

Te puede interesar