CONTRA O SILENZO

Osilenzo é moitas veces un aliado natural da serenidade, a reflexión e a creatividade. Outras, pola contra, pode ser un síntoma de desapego e de inexistencia. O papa Francisco fai ben en falar, e ben alto, contra a pederastia e os pederastas no espazo que lle compete.
Os silenzos, neste caso, podían entenderse como unha complicidade que seguro moitos (a maioría) nin pretendían, nin compartían. A creación de tribunais específicos é unha toma de postura que ninguén antes ca el, atreveuse a formular.
Os tempos de institución ou razóns de Estado (secretismo) e dos beneficios dalgúns (sectarismos) tocaron ao seu fin. Se a transparencia e a claridade son o buque insignia destes tempos, o Vaticano de Francisco, empeza a trazar rumbos correctos e a avanzar na boa dirección.
Tamén Felipe VI, no seu intento de distanciarse da parte manchada da (ex) familia real, racha co silenzo e toma medidas de exemplaridade que, aínda que tardías, non deixan de ser xustas e necesarias. Retirarlle o ducado de Palma a súa irmá debeu ser moi duro, pero o descrédito da institución que pretende reflotar, era xa demasiado grande como para andarse con chiquitas. A sombra da República é alongada e a grandes males haberá que impoñer grandes remedios.
O ex presidente do Goberno Felipe González segue pisando charcos. Puido quedarse detrás da realidade, na mera observación silenciosa, pero asumiu un compromiso activo de defensa dos que seguen a sufrir condenas por pensar diferente. Non foi doado, manchouse e foi vilipendiado por activa e por pasiva.
Felipe González, con luces e sombras, é por riba de todo un demócrata. Ás veces a defensa do evidente e do xusto, non é tal para aqueles que só  ven a palla no ollo alleo.

CONTRA O SILENZO

Te puede interesar