De retoques e pensións

Hai persoas que as invitan a almorzar nos foros de economía da capital e abren a caixa de Pandora. En lugar de catar o xamón e as tostas con aceite de oliva, pontifican sobre o sufrimento alleo sen esforzo algún. José María Linde, gobernador do Banco de España, volveu a montar un lío. Dixo, palabras textuais, que “ temos que tocar cousas como a reforma laboral e as pensións”.
Semella que as pensións empezan a ser molestas para algúns, queren promover sistemas complementarios que vaian reducindo o grosor do gasto nas pensións públicas. É o último chanzo para desfacer a escaleira do estado do benestar. Vivimos nun momento onde millóns de persoas sobreviven grazas ás pensións dos seus maiores. Por iso tocar o tema é como mentar a bicha. O gobernador do Banco de España pretende e promove a modificación das pensións cunha explicación tan sinxela como cínica: “Nada é perfecto nesta vida”.
Para máis inri, recurre a unha terminoloxía de caza que fai que nos lembremos de recentes episodios nada gratificantes. Dixo que “os retoques serían para axustar o tiro, nunca para correxilo xa que a súa orientación básica é correcta”. Falando de recortes, axustes, paro, paro xuvenil, desafiuzamentos ou morosidade, usar termos como tiros, disparos, eficacia, dianas ou acertos soan desafortunados. Cos soldos reducidos, como pagar plans de pensións privados? Dende a altura climatizada dos cargos oficiais, a realidade que disfrutan son muros de datos macro, onde a desesperanza e o sufrimento dos desfavorecidos nunca tiveron cabida.

De retoques e pensións

Te puede interesar