De realidades e apariencias

As veces semella que vivimos, ou algúns así o pretenden, dentro de perfectos e desinfectados hologramas. Algúns esixen amosar unha asepsia que a crúa realidade impide e condiciona. Falan aplicando os clásicos valores da auga tipo, é dicir de xeito incoloro, inodoro e insípido.
Como se nada tivera consecuencias, como se todo puidera desculparse cunha oda á paixón, á tiranía dos instintos, ou calquera outra escusa, que poña o foco da responsabilidade nos demais. Por iso hai quen acaba encontrando xustificacións para os seus delitos e abusos, no tamaño das saias, ou en estar de festa na madrugada, ou polas cores das bandeiras, pensar diferente ou simplemente, por ter unha vida mellor ca deles.
E se estás en desacordo coa liña argumental, resulta que non es tolerante, ou non tes a mente aberta, ou careces de valores sen os que é imposible vivir. Pero nada é tan simple como parece. Calquera movemento, orixina efectos dominó que descompoñen ordes e  equilibrios anteriores, e descoñecemos onde pode rematar. Todo deixa residuos e  mancha, ou deixa pegadas que permanecen en pregues insospeitados  ata que, pouco despois, os  brillantes axentes científicos do CSI, acaban por  resolver o caso.
Algúns intentan que a realidade virtual sexa  máis real, que a propia vida que habitamos cada día. E interfiren e condicionan, e manipulan. Mentir e difamar nas redes, xa  sexa sobre Institucións, persoas , gobernos ou ideoloxías, destrúe en cuestións de segundos, vidas ou valores, e  deixándoos sen capacidade de reacción nin resposta. Haberá que dedicarlle reflexións, lexislación e controis. El mirouna aos ollos. Neles vivía a luz e a tenrura. Sabes que es o soño máis lindo? díxolle El. Só se ti me soñas, respondeulle Ela, sorrindo...