QUERIDO 2015

Desexo que non sexas, como o 2014 que ven de rematar, un ano perdido. Para os cidadáns, pola evidente constatación de que o Goberno vai por un lado, moi diferente da  realidade que sofren, en carne propia, as familias que viron modificadas  substancialmente e por suposto para peor as súas condicións de vida.
E para o Goberno de Mariano Rajoy  porque tan só están preocupados polo horizonte electoral e polos anuncios de impacto na procura de asentar unha idea de fin da crise, sexa coma sexa.
Sei que este ano empeza cunha mala frase. A do Ministro Luis de Guindos, que afirmou que “a Sociedade española perdeulle o medo a perder o emprego”.  
Ademais dunha barbaridade, é unha agresión inxusta a todos/as os que viven dramaticamente a perda do emprego e a extrema dificultade de poder atopar outro, con peores condicións laborais e salariais, grazas á aprobación da Reforma Laboral que acometeron os populares.
É duro escoitar cousas e mensaxes que ofenden a intelixencia da cidadanía, como o referido á Sanidade e á calidade dos axustes efectuados, cando miles de afectados pola Hepatite C (por citar soamente un dos moitos casos que se están a dar) quedaron fóra do acceso ao medicamento que precisan para seguir co seu tratamento.
É cando menos temerario, que dende a Presidencia do Goberno se pretenda confundir a realidade positiva dos datos macroeconómicos, coas estratexias propias das linguaxes electorais.
Por iso, Querido ano 2015, tan só quero pedir que este novo tempo, traia cordura, seriedade na utilización dos recursos de todos, castigo aos aproveitados e moito respecto ao que os cidadáns somos e representamos.
Que haxa unha Xustiza xusta, que actúe e obrigue a reparar o dano (roubo) realizado, e un Parlamento que lexisle para todos e non impoñendo a visión moral so dalgúns.
Para tod@s: Saúde e Sorte.

QUERIDO 2015

Te puede interesar