De Pedro e dos baróns

Sempre na Historia houbo loitas desiguais: David contra Goliat, ou San Xurxo co dragón... pero como a de Pedro Sánchez contra os baróns socialistas, ningunha. Pedro, meu pobre, tivo que loitar dende o primeiro día que decidiu ser el mesmo. Caéronlle enriba as federacións que se autoconsideran puras e que creen ter dereito a mandar sobre o común dos muggles, en termos harrypotterianos. 
Despois están as que, por efecto imitación, se lle suman para non quedarse atrás. E os baróns e as baronesas que din xogar un papel que ninguén lles outorgou nunha obra que ademáis nunca foi escrita. En tódalas tramas argumentais sempre hai personaxes que acaban por saírse do guión e actúan como movidos por designios que eles mesmos confunden con designios divinos. 
É o caso de Felipe González. Foi sempre un innovador e un referente de todo o socialismo. Home apreciado, valorado e escoitado e que nesta crise está a xogar un papel que, penso sinceramente, non está a altura do seu pensamento político. Nin moito menos da súa traxectoria. Se aplicase en si mesmo aquilo dos xarróns chineses, que con tanto acerto asentou, de que os ex presidentes eran moi valiosos, pero ninguén sabía onde colocalos, de certo que mellor lle iría. 
O seu peso sobre unha parte importante do socialismo español axudou a magnificar os acontecementos. A tentación de non calar ante un micrófono aínda latexa nel, desacertadamente. Di que non se cree Deus, pero debe faltarlle un cuarto de hora para sentirse tal. De este cisma descubriremos, que non sempre as cousas son como parecen. E que nin o débil é tal, nin a que sempre pontifica ten a tiara papal. 

De Pedro e dos baróns

Te puede interesar