DE PAPEIS E PAPELÓNS

Amaioría dos cidadáns descubriron  nestes días que Panamá ten algo máis que canles, rañaceos, sombreiros e calzado de aventura. Descubriron, que ao igual que os papeis de Bárcenas, existen papeis que falan doutras operacións, con outros protagonistas, pero coa mesma finalidade. Trátase de evadir impostos, de non pagar o que corresponde á Facenda Pública e de facer inservíbel aquilo de que Facenda somos todos e, de paso, facer invisíbeis grandes cantidades de ingresos aos ollos do Fisco dos países respectivos.
Xa sabemos da relatividade evidente de todas as afirmacións feitas ao calor dos  eslogans promocionais de calquera campaña, pero e xa chove sobre mollado e continuamente. Se atendemos ao espectro social dos protagonistas destas tramas de corrupción seguen sendo de familias de alto copete, de actores, directores, futbolistas, políticos, xefes de Estado ou de Goberno, ou seus fillos, empresarios... Un listado de nomes que evidencian que hai intereses e interesados, e que unha cousa é falar en abstracto do de todos e outra é dar exemplo real, cotizando polo que en verdade un teñen. 
Vivimos episodios similares dia si e día tamén nun país que semella que ten a corrupción como algo endémico no propio cerne da súa identidade. Por cantidade, porcentaxe, número de implicados e a ampla variedade das tramas descubertas debemos estar encabezando o ranking mundial ou case. Hai papeis e papelóns. Algúns fixeron o papelón das súas vidas. Representar sempre unha cousa e vivir sendo outra distinta debe ser complexo e esgotador, incluso para elixir a careta que debe usar cada día. É certo que isto non é novo. O que nunca pensamos é que a podremia sería tan inmensa.

DE PAPEIS E PAPELÓNS

Te puede interesar