De palabras e feridas

Hai veces que as palabras, semellan  coitelos afiados. Situacións, nas que non é doado distinguir a amigos de inimigos. E tensións que veñen tan de lonxe, que todos manexan as mesmas historias, encriptadas e gastadas, pero dende puntos de vista diferentes, e ata con versións instrumentais, segundo o territorio e a memoria. 
Nesta fin de semana, o PSOE afronta un Comité Federal duro e transcendental. Non se agardan moitas concesións, pero será o colofón a demasiado tempo de desencontros, de enfrontamentos con publicidade e aleivosía. Nesta oportunidade, non é de recibo aquilo de gañe quen gañe, gañamos. Aquí o conxunto da militancia e das estruturas orgánicas, saen dividas e rotas. Será unha ferida máis que engadir, ao memorial de agravios que moitos coleccionan dende antigo. Non hai bálsamo de Fierabrás que cure maxicamente, os danos estruturais e conxunturais acumulados. Pero hai que dar pasos na resolución e aplicar os mellores pegamentos, que non son outros que os da ideoloxía. 
Mentres, as declaracións dos implicados na trama corrupta da Gürtel, especialmente Correa, nas que sae moi manchado o PP e a administración Aznar e algúns dos seus Ministros, pasan totalmente desapercibidas. O triste do tema, é que á sociedade semella anestesiada, e dalle igual oito que oitenta neste caso. Nunca deixará de sorprendernos, a infinita capacidade de absorción que ten unha parte  da  sociedade, cando os escándalos (regalar coches, festas, sobres, e viaxes) afectan a uns e non a outros. E non deixa de causar indignación a facilidade, accesibilidade e recoñecemento que estes mesmos conseguidores, hoxe imputados de delitos, tiñan na cúpula do PP, na central de Génova 13. Que a Xustiza fale, pero a autocrítica tamén. 
 

De palabras e feridas

Te puede interesar