DOS NOVOS (DES) PROPÓSITOS

Pisamos un ano novo. Neste ano, renuncio a facer as miñas intencións de sempre (máis inglés, máis deporte e máis viaxes), a cambio de non esquecer o que somos. Todo o que como sociedade construímos, e non resignarme a ver como perdemos dereitos, sen deixar ben claro que terán que ser reimplantados.
Dende o primeiro minuto do partido, detecto e denuncio que a distancia entre a sociedade e a política segue a medrar. A desconfianza entre administradores e administrados tornouse nunha fractura considerable. Consecuencia: buscar canles de participación, instaurar a transparencia e primar o importante sobre o accesorio. Pero imos amoreando demoras. De credibilidade, pero tamén de actividade. A enerxía e a capacidade da xeración máis cualificada estase a desperdiciar. Prioridade: o emprego. Non hai valor maior que a realización persoal. Ter traballo para ter autonomía, expectativa e autoestima e evitar a emigración. Traballadores con dereitos e non pezas intercambiables, sometidas a un engranaxe que impón modelos minijobs, temporalidade e despidos baratos...
Pouca memoria quedará dun 2013 onde o único que medrou foi a capacidade para definir o dramático das situacións que se viviron. Onde os indicadores económicos incrementaron cifras negativas. Agardamos un 2014 onde a autocrítica, duns e doutros, permita correxir os erros e escoitar as demandas que a xente real fai e necesita fronte ao que defenden  aqueles que teñen interés e intereses. Onde as políticas, defendan e protexan a dignidade das persoas e busquen solucións, pensando nos que máis axuda precisan. Un ano onde a política sexa solución e nunca máis problema.

DOS NOVOS (DES) PROPÓSITOS

Te puede interesar