As novas fórmulas

Empezan novos tempos. Agora, tras a treboada das eleccións europeas, a posta en marcha de momentos históricos, empezan a sucederse a gran velocidade. Semella que algún xeito de reseteado, colocou o contador a cero e estreamos tempos novos, recen saídos do trinque. Nuns días, Filipe VI entrará na relación histórica das monarquías españolas e europeas. E dende fai tamén varios días, Juan Carlos I é xa historia. E a posibilidade de consulta dos cambios, na Xefatura do Estado, quedou igualmente, para a Historia. Empeza unha lexislatura en Europa e empeza un reinado en España.
Todo pasa e nada queda, dixera o grande poeta Machado, pero tras as tomas de posicións e o xiro dos acontecementos dos últimos días os partidos políticos empezan a súa propia travesía do deserto para dar, de novo, coa terra prometida do recoñecemento e a valoración cidadán. Claro que dicir os partidos políticos é moito dicir. É o PSOE quen da o pistoletazo de saída da súa propia maratón para atopar un novo liderado capaz de gobernar un novo tempo, revolto e axitado, pero ilusionante e cheo de expectativas. Moitos ollos estarán postos nos pasos que se dean e agardando que a resolución sexa acertada.
A sociedade precisa de novas mensaxes, novos compromisos, pero sen renuncia dos valores que o socialismo democrático representou e representa. Que sexa un proceso dende a humildade. Sen soberbias. Sabendo que debemos corrixir moitas cousas, pero tamén dende a responsabilidade de sacar adiante un país nuns momentos de grandes carencias. Que sexa exemplarizante e non faga lembrar aquela frase de que hai inimigos, grandes inimigos e compañeiros de partido. É precisa unha esquerda forte para dar novas respostas a problemas antigos.

As novas fórmulas

Te puede interesar