No Instituto Cervantes

No Instituto Cervantes suceden feitos inexplicables. Contan que nesta institución do Estado convocaron a impartir unha conferencia ao ditador guineano Teodoro Obiang. Aseveraron que tiña o placet do Ministerio de Exteriores, do que depende organicamente. E comparecendo o ministro do ramo, manifesta alto e claro, que nin sabía nin autorizou nada. 
É triste ver como a potencia literaria e cultural dun país como España ten que soportar que se lle dea categoría de referente cultural a un ditador como Obiang. Unha institución que debera ser o buque insignia das linguas e culturas de España, da riqueza da nosa diversidade, fai denodados esforzos por rizar o rizo e sacarse da manga cousas que non teñen sentido. Pasen os enfrontamentos soterrados entre Cultura e Exteriores por facerse coa titularidade en exclusiva desta institución, pero non se pode permitir unha programación que non estea a altura dunha entidade onde prestixiosos personaxes tiveron papel e discurso. 
Vimos de coñecer uns datos reveladores. De cada catro emigrantes españois, un é galego. Máis de 16.000 galegos saíron no pasado ano a buscarse a vida fóra de Galicia. Deberamos reflexionar. A pesar de que din desde o Goberno que pintan ouros, a realidade social vai por outro lado. Algúns manifestan que a emigración é un dos nosos sinais de identidade e non é certo. Deixar o de un é unha triste circunstancia que ven dada pola falla de perspectivas. Non é turismo cultural. Non é por facer curriculum. É por necesidade. Afrontado con coraxe e valentía. Pero emigración pura e dura. Unha hemorraxia vital, desde logo, desesperante.

No Instituto Cervantes

Te puede interesar