A náusea

Hai días nos que un, xa se levanta cun fondo malestar. E a medida que accedemos ás informacións de xornais e televisións, remata por converterse en náusea pura e dura. Acabamos sentindo esa  mesma e desagradábel sensación, que Antoine Roquentin o protagonista da Náusea de Sartre, vai descubrindo e aumentando ao longo de toda a narración. Ás veces, asistimos a descricións dunha sociedade e dun país, que non recoñecemos. Que nos resulta estraño e hostil. En que momento sucedeu  todo o que nos están a contar nos últimos meses? Onde estabamos todos, que non fomos quen de ver o que ocorría? Unha inmensa e fétida Náusea mancha todo. E de novo Aznar e os seus privilexios de non sabe vostede con quen está a falar. De novo Mario Conde, e nada mellor ca familia; o Ministro Soria e a súa memoria parcial e mutilada;  os inquisidores de Mans  Limpas que resulta que nin as tiñan limpas, e moito menos, as súas intencións. 
Vivimos esixindo e proclamando valores positivos. Poñendo en letras de ouro palabras absolutas referidas a conceptos absolutos, como Patria, Xustiza, Honor, Igualdade... Demandamos, con toda a boca aberta e poderosa, termos de claridade, responsabilidade, sacrificios, altura moral e a loita pola dignidade. Damos a cara pola verdade e a xustiza social. E descubrimos, con náusea, que moitos dos que publicamente dicían estas cousas,  unha vez colocados nos escalóns superiores do éxito político ou empresarial, esquéceno todo en función dos seus propios intereses económicos, e aquilo da  responsabilidade fiscal e dos valores absolutos, pasaron a ser unha equipaxe prescindíbel. Demasiadas persoas confunden os valores morais, cos valores de Bolsa. Poderoso cabaleiro é don diñeiro, dixera con clarividencia o xenial Quevedo. 

A náusea

Te puede interesar