MARCANDO POSICIÓNS

Ás veces non sucede nada e noutras, semella que todo fora pasar de golpe e á vez. Como se todo tivera presa por atopar o seu lugar no mundo, os acontecementos collen velocidade e deixan unha certa vertixe ao seu paso. A un momento histórico sucédelle outro de igual intensidade, pero cunha carga diferente. Estreamos rei: Filipe VI. E, polo tanto, nova familia real. Uns entran na primeira páxina e outras saen dela, pero algúns, pola porta de atrás.
O xuíz Castro move ficha e a infanta Cristina resulta imputada por unha serie de delitos fiscais. É un feito non menor. É a primeira vez que un membro de familia real é chamado aos tribunais. Tamén é certo que xa non é familia real. Posiblemente perderá certos dereitos sucesorios e o título. Pero o fiscal anticorrupción arrisca peza e contraataca ao xuiz. Ven sendo algo así como que o acusador defenda ao acusado, en lugar do defensor. O novo rei di (habilmente) que a Xustiza faga ao seu traballo.
Mentres, Willy Meyer, eurodeputado que sobreviviu a todas as renovacións, dimite por un plan de pensións con sicavs na recámara. Rubalcaba recupera a cordura e anuncia que dimite de deputado e pon fin así a unha longa carreira con moitas luces e algunha sombra. Comparto con el que non hai honra máis alta que representar ao pobo como deputado no Congreso. E finalmente, as posturas de Madina e de Pedro Sánchez, por momentos máis de duelo ao sol que de compartir rosas, empezan a decantarse camiño da votación verdadeira para dirixir o PSOE. Chega o final. Grazas aos que marchan, e saúde e sorte aos que chegan. Vai facer falla.

MARCANDO POSICIÓNS

Te puede interesar