A letra pequena

Dende o principio dos tempos, a letra pequena acompañou ao home, e foi sempre a causa de grandes problemas. Cando todo pinta moi ben, a letra pequena aparece con desagradables sorpresas. Ten moito que ver con aquilo de que ninguén da duros a catro pesetas. Ou coa inmensa capacidade de credulidade que o home ten. Pasou cos famosos 800.000 postos de traballo de Felipe González, e volve agora (moda vintage) cos 600.000 anunciados por De Guindos, sen rubor e con moita rancia carga electoral. 
O Programa de Estabilidade, por aquilo da transparencia, foi entregado neste período de festividades e ponte, pero coa mesma carga de titulares ao grande: baixarán os impostos, subirán as pensións e crearemos 600.000 empregos en dous anos. Se acudimos á letra pequena, esa no que o seu tamaño é inversamente proporcional á súa importancia, descubriremos unha lectura diferente. Os impostos baixarán nuns 2.000 millóns de euros, pero subiron uns 30.000 millóns. Compensarán con subidas de impostos ambientais, IBI e impostos sobre a vivenda, bases de cotización etc, pero tamén aumentarán os copagos.
Conclusión: Suben moito e baixan pouco. As pensións suben un 0,25%, é dicir 8 euros en catro anos, mentres que os soldos quedarán conxelados novamente, o que supón na práctica unha redución. E falan de crear emprego, 600.000 en dous anos, precarios e mal pagados, cando so na lexislatura de Rajoy destruíronse 1.200.000. A letra pequena é moi matona. En tan pouco corpo, contén unha carga tan letal que podería envelenar a unha sociedade enteira. Quen sabe manexala arteiramente, vivira do engano moito tempo. Alguén dixera que o mandato de Rajoy, quedará na historia como o da creación da figura dos traballadores pobres.

A letra pequena

Te puede interesar