De lei

Gallardón foi, posiblemente, o peor ministro de Xustiza do que se ten memoria. Pero é de lei recoñecerlle que foi o que marchou con maior dignidade e estilo. Quixo demasiadas cousas e non rematou ningunha. Agás o da suba das taxas. E xusto aquela da que fixo bandeira chegou Mariano e mandou parar. Enténdase, nin na sociedade nin moitos do PP querían semellante volta atrás en dereitos e liberdades. Tan só modificar algún artigo. Gallardón quixo matar moscas a cañonazos e impor a todos os cidadáns a súa moral por decreto.
Algúns din que polo menos foi menos cínico que Rajoy, porque pensou que a reforma que anunciaron na campaña electoral ía en serio. Mariano xa sabía que non. Era unha pose máis, como o de ir á cola do paro a sacarse a foto cos que estaban desesperados por traballar, e anunciar quese el gañaba,  o paro desaparecería. Claro que daquela gobernaba Zapatero e había que montar protestas e manifestacións como fora.
Daquela, os sectores máis conservadores da Conferencia Episcopal e os grupos anti as leis do Goberno estaban prestos a mobilizarse. Cando os intereses conflúen así... que máis se pode pedir? Pero cando o idilio desaparece as palabras pasan a ser grosas. Aluden a persecucións históricas, a exterminios e cunha profusión de ameazas. Os bispos de dioceses madrileñas, ben coñecidos pola súa belixerancia, agora xiran os canóns cara Rajoy, polo prometido e nunca cumprido. O PP berra aquilo de “¡Ao chan que veñen os nosos!”. Vivir para ver.

De lei

Te puede interesar