DE GUERRAS E ESPERANZAS

Omundo espertou coa incómoda e terrible sensación de que algo está a punto de suceder e de que países, organizacións internacionais e alianzas de diversos intereses non son quen de frear a escalada que conduce, directamente, a un conflito armado. Intereses estratéxicos, económicos, políticos ou étnicos, engaden pólvora a unha situación xa de por si conflitiva.
Semella un novo episodio da Guerra Fría. Daquel mundo que xiraba en torno a dous eixos antagónicos: Estados Unidos e a Unión Soviética. Hoxe un novo enfrontamento, con Rusia de por medio, pon ao borde da guerra civil un territorio, Crimea, e un país, Ucraína. Unha situación dramática, na que a UE case non ten nin unha soa frase de texto no guión. Somos a referencia territorial, pero o poder e a influencia residen noutras latitudes. Os interlocutores son outros, non a Unión Europea. Unha vez controlados os puntos clave da capital, polos prorrusos e por un exército sen insignias, o Parlamento de Crimea aproba unirse a Rusia. Rusia decide despregar tropas en Crimea. Ucraína protesta e Estados Unidos ameaza. Un efecto dominó letal.
No sur, xeográfico e económico, a fronteira entre ricos e pobres é cada vez máis difícil de defender. As últimas traxedias de perder a vida para gañar dignidade demostran que non hai alturas que poidan frear a fuxida da miseria e da agonía permanente da África subsahariana. A fame fai posible o imposible. Soñar sempre foi un exercicio libre que fixo grandes aos que nunca se renderon. Somos fronteira sur para a Unión Europea, pero tamén o norte, a primeira esperanza, para millóns de seres humanos. Final e principio, dúas caras dunha mesma circunstancia tráxica.

DE GUERRAS E ESPERANZAS

Te puede interesar