DE GLORIAS E MENTIRAS

Hai persoas que aínda non interiorizaron o feito evidente de que as maiorías políticas mudaron. Que seguen convencidas, pola forza do costume, de que todo segue igual. Que a súa opinión e crenza pesa máis ca opinión doutros, só polo feito de que tiveron poder noutros tempos. 
E o que aínda é máis grave que poñen todo o seu esforzo en insidiar, estorbar e poñer en dúbida, a autoridade daqueles que a cidadanía elixiu como os seus lexítimos gobernantes. Persoas que, abeiradas ás barandillas dos tempos pasados, seguen militando na convicción de que todo o pasado foi mellor. E non deixan ocos á posibilidade de que os demais poidan acertar e que teñen todo o dereito a apuntar novas maneiras de facer as cousas. Os que sempre viviron na gloria da toma de decisións, no privilexio da consulta previa e da explicación de calquera medida proposta, dificilmente poderán adaptarse a ser como o resto dos cidadáns e a coñecer pola prensa as medidas e os acordos. 
Practicar a reticencia, a ocultación e a mentira son artes escuras que falan ben pouco da correcta xestión do público. Máis ben  explican o intento dalgúns de querer seguir tendo unha parcela propia onde xestionar ao seu antollo, sen ter que darlle explicacións a ninguén do que fan o deixan de facer. Formando parte intrínseca das glorias, están diversas miserias como a soberbia ou a falla de humildade. Son os prezos que algúns pagan para estar na nómina dos que saen sempre nas fotos. Pero sabemos que, na historia, moitas desas declaradas glorias foron construídas e cimentadas sobre unha rede inmensa de mentiras.

DE GLORIAS E MENTIRAS

Te puede interesar