De Gabo e de romanos

ASemana Santa e a sociedade mudaron notablemente. Pero non foi o único. Naqueles tempos dominaban as películas baseadas no Antigo Testamento, pero sobre todo, regresaban cunha fidelidade pasmosa as clásicas película de romanos. Na nosa memoria de prohibicións, Ben-Hur, Quo Vadis, Espartaco, Os Dez Mandamentos... quedaron ligadas a uns tempos de vacacións, pero sen música, cines nin bailes.
Hoxe, a de romanos está a pasar en Ucraína. Rusia, que volve a respirar aromas imperiais, lanza a pedra e agocha a man. Fai e desfai, e intervén por activa ou por pasiva, situando permanentemente a unha sociedade ao borde da guerra civil. A Unión Europea volve a amosar unha incapacidade manifesta para dar golpes de autoridade en conflitos que semellan demasiado grandes para a súas estruturas. Mentres, as reunións e diálogos liderados pola diplomacia USA conseguen frear un conflito que está enrocado e ameaza cun xaque definitivo. As memorias doutros tempos están tornándose en feridas que ameazan con metástases perigosas.
García Márquez, deixou a vida e marchou a Macondo. A facer verdade as cousas que soñara, e a reinventarse no espello daquela estirpe dos Buendía. Sempre dixera que, dende pequeno, oira falar da súa orixe galega, e de tantas cousas de Galicia, que pensara que eran invención dos que botan de menos un mundo perdido. E cando descubriu Galicia, convenceuse de que todos eses mundos, que escoitara dende neno, eran posibles. Gabo, dalgún xeito, tiña dentro de si as lendas, meigas e trasnos que poboan os nosos mundos. Ese panteísmo máxico que explica o inexplicable. E foi quen mellor uso soubo darlle. Grazas, Gabo, a diferenza do coronel, sempre terás quen te escriba.

De Gabo e de romanos

Te puede interesar