De fondos e formas

Orespecto é un deses valores clásicos que formaban parte daquel vello tratado de urbanidade. E tamén o coidado das formas, sobre todo en público. Con múltiples matices e variantes, pero sendo conscientes de que os trapos sucios eran lavados na casa. De portas a dentro e entre os propios. Asistimos agora na política a morbosos espectáculos de linchamentos públicos. De falta de respecto a institucións e persoas. Incluso, ás decisións que maioritariamente os militantes socialistas decidiron co seu voto na celebración de actos de participación históricos.
Contemplamos como cargos institucionais falan publicamente mal doutros compañeiros, que teñen responsabilidades outorgadas pola militancia en procesos legais e transparentes. E fomentando o descrédito da súa capacidade e cuestionando o seu liderado. Ata os simpatizantes populares asisten divertidos ao espectáculo e aplauden ata coas orellas. Nunca tantos micrófonos estiveron dispoñíbeis para matarse entre eles mesmos. Agora xa estamos na fase na que as cúpulas aplican aquilo de que a situación é tan complexa que a militancia non pode decidir porque descoñece as claves do que está a suceder.
Pasamos da elección pola militancia, á exclusión da militancia nos procesos de decisión. Paradóxico. Unha situación de debilidade do PP que non logra formar goberno, remata xirando e apuntando como culpábeis aos socialistas coa anuencia dos medios e con papeis impagábeis de determinados baróns, que teñen máis ambición que criterio, que acaban sendo pezas clave para romper a unidade socialista. Ante tamaño desaguisado, o caso Gürtel, a maior trama de corrupción e mordidas, que afecta ao PP e aos seus gobernos, recoñecida, pasa de rositas sen que xa ninguén se escandalice, asombre ou clame ao ceo.

De fondos e formas

Te puede interesar