De espiados a espías

Ás veces, semella que Mortadelo e Filemón están baseados en feitos reais. Se atendemos ás cousas que suceden, un non sabe se sentir rabia ou vergoña. Pasamos de ser espiados pola maior potencia do mundo, a ser espiados por nós mesmos, e pasámoslle toda a información ao amigo americano para que a administre como crea menester.
Un amigo, ao enterarse de que a NSA americana adicaba a súa modernidade tecnolóxica a ver en que andamos metidos, dixo que por fin eramos importantes. Pero frustrado ao coñecer o engano, despotricou do servilismo, da estupidez e da mediocridade. E non é para menos. Hai cousas que só pasan aquí. E suceden en Halloween ou Samaín, coma unha trama teatral de comedia bufa.
De Guindos, tan serio el, di que temos que perderlle o medo ao paro. Pois que veña a dicilo nunha oficina do Inem en hora punta. Montoro segue de éxito en éxito, celebrando unha saída da recesión da que nin as familias, nin as empresas teñen noticia algunha.
A sentencia de Estrasburgo indica que a forma de aplicación da doutrina Parot foi unha chapuza xurídica. E algúns esquecen que o escenario do terrorismo mudou e para sempre, polo que plans, políticas e  actores teñen que ser outros.
Sogama subirá, unilateralmente, os prezos nun 34% e os Concellos traslarán a suba aos sufridos cidadáns... eses con salarios ultraconxelados e devaluados. Aos que levan os cartos fóra se lle premia con rebaixas fiscais e aos sufridos emigrantes con pensións se lles chantaxea, acusa e ameaza. Nestes tempos, hai fotos de personaxes nas portadas de prensa, que dan máis medo que os vellos libros de fotos de defuntos.

De espiados a espías

Te puede interesar